29.01.2025. O maxistrado titular do xulgado de Instrución nº 4 de Vigo, Juan Carlos Carballal, impartiu un curso dirixido a procuradores para abordar os detalles que se coñecen ata hoxe sobre a Lei de Eficiencia do Servizo Público de Xustiza, da que salientou a ampliación de competencias aos profesionais da procura. “A Lei de Eficiencia amplía os dereitos e deberes da procura e delimita moito mellor as súas funcións. Con ela poden encomendárselle aos procuradores as actividades materiais do proceso de execución, mediante un consentimento informado da persoa representada”, sinalou o maxistrado.
Juan Carlos Carballal desenvolveu os principais aspectos da nova norma e, entre eles, os que afectan directamente a profesión, como no ámbito da quenda de oficio, onde os profesionais poderán realizar, en nome do seu representado, todos os actos procesais comprendidos, de ordinario, na súa tramitación. “Solvéntase un dos problemas que comportaba a designación de oficio dos procuradores”, valorou o xuíz.
Tamén se referiu aos Medios Adecuados de Solución de Controversias (MASC), como as mediacións –onde os procuradores son parte activa, xunto cos avogados, os notarios, os rexistradores e os graduados sociais–, aos que será obrigatorio recorrer para atoparlles unha solución extraxudicial aos asuntos civís e mercantís antes de acudir ao litixio.
No ámbito das poxas, Carballal destacou o perfeccionamento e axilización da reforma da poxa xudicial electrónica, así como os cambios nos prazos e o carácter secreto das poxas durante o período de celebración do proceso.
Durante o curso, organizado polo Colexio de Procuradores de Vigo, o maxistrado repasou tamén distintos aspectos que comporta a lei, tanto na reforma organizativa da administración de Xustiza –en Vigo haberá un tribunal de instancia con seccións (civil e instrución) e subseccións–, como en materia procesal, nos ámbitos de axuizamento civil e axuizamento criminal.
Carballal puntualizou que, ao non ir acompañada a reforma dunha memoria económica, non é posible calibrar, polo momento, o seu custo económico, nin tampouco a relación de postos de traballo asociada á reorganización xudicial.
Na imaxe, o maxistrado Juan Carlos Carballal durante o curso sobre a Lei de Eficiencia, acompañado do decano do Colexio de Procuradores de Vigo, José Antonio Fandiño. Fotografía: Punto GA-M.Riopa.