Neste momento estás a ver Lucía Ferreira: “Coñezo a todos os procuradores do Colexio”

Lucía Ferreira: “Coñezo a todos os procuradores do Colexio”

  • Categoría da entrada:Novas

29.11.2024. Lucía Ferreira (Gondomar, 1978) comezou a traballar como administrativa do Colexio de Procuradores de Vigo con 21 anos e, dende entón, pasou polas delegacións de Tui, Ponteareas e O Porriño. Ata que en 2018 chegou a Vigo. Por iso, e polo seu traballo diario dándolles servizo aos profesionais colexiados, hoxe pode dicir que non hai un só que lle pase por alto. “Coñezo a todos e cada un dos procuradores do Colexio, a todos”, remarca Ferreira, que destaca “o compañeirismo” como o mellor do seu traballo. Apaixonada da arte floral, é a responsable dende hai anos da decoración de Nadal do Colexio. Este ano, segundo lle din, superouse.

Lembras como comezaches a traballar no Colexio?

Coincidindo co cambio lexislativo polo que se abriron as oficinas de Redondela, Ponteareas, O Porriño e Tui, eu tiña 21 anos, estaba buscando emprego e xurdiu a oportunidade de traballar na de Tui. Ata que 18 anos despois houbo unha xubilación e xa vin para Vigo.

Como é un día normal no teu traballo?

Canda aos meus compañeiros, repartimos todas as notificacións que entran por Lexnet. Ao día seguinte, descargo todas as notificacións, impórtoas ao programa e de aí xéranse as cotas Sercyn, que se lles envían aos procuradores. Tamén levo a contabilidade, que me parece un labor moi importante, e outros servizos como a zestión de mandamentos e edictos, o certificado electrónico, que se está a solicitar cada vez máis, o servizo de valixa… Sempre estamos mellorando, porque o traballo do Colexio é facilitarlles o servizo aos procuradores.

E como é a relación cos procuradores?

Moi boa. Chámante, veñen por aquí… Como nos coñecemos todos, ao final somos un equipo. Tamén estiven na delegación de Ponteareas un tempo, cubrín algunha baixa no Porriño… E por iso coñezo a todos os procuradores do Colexio, a todos.

Que é o que máis preguntan?

Fan moitas preguntas relacionadas coa quenda de oficio ou cal é a mellor hora para vir facer algún trámite ao Colexio. Antes tamén chamaban moito polas cotas Sercyn, pero agora teñen a información a man a través da web.

E o mellor do teu traballo?

O compañeirismo, sen dúbida. Cando alguén ten calquera problema persoal ou familiar, todo o mundo está aí para axudar, e penso que iso vale moito. E tamén que son, como me di de broma José Marquina (o secretario técnico do Colexio), “a muller das luces”, “a Abel Caballero dos xulgados” (ri), porque me encargo da decoración de Nadal do Colexio. Non son moi do Nadal, pero gústame moito a arte floral. Empecei hai agora 21 anos, cando faleceu meu pai, e converteuse nun hobby. Vou a clase de arte floral todos os luns.

Cando comezaches a decorar o Colexio por Nadal?

Foi hai uns anos, nos xulgados da rúa Lalín, cando Cristina (Álvarez-Cervela) propuxo ir buscar unhas follas de camelia e poñelas nunha cestiña cunhas luces. Ao ano seguinte xa fixemos unha cousa máis grande, e ao ano seguinte máis grande, e cada año imos a máis. Intentamos facer sempre algo diferente. A deste ano púxena o venres 15 de novembro pola tarde, porque o sábado era o acendido do Nadal en Vigo e queriamos que o luns seguinte, ao chegaren ao Colexio, os procuradores atoparan a decoración. Penso que quedou elegante e moi fina.

Que che din da decoración deste ano?

Hai opinións para todos os gustos, pero algúns dinme que que bonita, ou “este ano superácheste”, “gústame máis que a do ano pasado”. Sempre é bonito recibir comentarios positivos.

 

Fotografía: Lucía Ferreira na sede do Colexio de Procuradores de Vigo, decorada por ela mesma para conmemorar as festas de Nadal. Punto GA-M. Riopa.