Neste momento estás a ver Procuradores de Vigo fórmanse en violencia de xénero

Procuradores de Vigo fórmanse en violencia de xénero

  • Categoría da entrada:Novas

10.12.2024. Procuradoras e procuradores do Colexio de Procuradores de Vigo asistiron en modalidade online ao Curso de Formación Continuada en Violencia de Xénero organizado polo Consello Galego dos Procuradores, o Colexio de Procuradores de Ourense e a secretaría de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

No obradoiro formativo puideron escoitar a maxistrada-xuíza do xulgado do Penal nº 2 de Ourense, Susana Pazos Méndez, quen destacou a importancia de aplicar o Dereito con perspectiva de xénero para evitar a intromisión de estereotipos á hora de exercer o labor profesional coas vítimas de violencia machista.

Na mesma liña interveu a letrada experta en violencia de xénero Victoria Diéguez Guerrero, ao explicar a gran complexidade que se presenta á hora de tratar e atender as vítimas e as circunstancias especiais que diferencian o proceso dunha denuncia.

Dende o eido da psicoloxía, a psicóloga do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) Iria González Cal abordou as funcións da Unidade de Valoración Forense Integral (UVFI) e o seu relevante papel na función de valoración das mulleres e menores vítimas.

Julián Pardinas Sanz, fiscal especialista en violencia contra a muller en Ourense, detallou, polo súa parte, como se aborda este tipo de violencia dende a perspectiva do Ministerio Fiscal.

E o inspector de policía Carlos Vázquez Cid, responsable da Unidade de Atención á Familia e Muller (UFAM) da comisaría provincial de Ourense, explicou as complexidades do protocolo de actuación policial en casos de violencia de xénero.

A sesión estivo moderada pola decana do Colexio de Procuradores de Ourense, Ana López Calvete.