03.09.2025. As procuradoras e procuradores de Vigo xestionaron un total de 1.036 escritos no primeiro día laborable de setembro, un 18% máis que o mesmo día do ano pasado e a cifra máis alta dende que hai rexistros.

O número de notificacións tamén acadou a súa segunda cifra máis alta este 1 de setembro, ata as 3.839, un 7% máis que o 2 de setembro do ano pasado, primeiro día laborable.
As notificacións só son superadas en número polas rexistradas o primeiro día de traballo de setembro de 2021, ano de reactivación dos xulgados tras a irrupción da pandemia de Covid-19, cando se elaboraron 4.079 escritos, 240 máis.

O Colexio de Procuradores de Vigo constata dende hai tempo o aumento de actividade xudicial na cidade e a súa área, e pon en valor o papel da procura para un mellor funcionamento da Xustiza.
“O aumento da actividade xudicial en Vigo é notable nos últimos tempos, e iso vai unido a un maior traballo da procura na área xudicial de Vigo. Este récord de escritos é unha boa nova, porque o labor das procuradoras e procuradores é indispensable para que a Xustiza sexa máis áxil e de mellor calidade. Agora precisamos máis competencias para podermos contribuír aínda máis a unha Xustiza mellor, en Vigo, en Galicia e no conxunto do Estado”, sinala o decano, José Antonio Fandiño.
Un total de 127 profesionais da procura exercen a súa actividade en Vigo e a súa área (O Porriño, Ponteareas, Redondela, Tui e Vigo), e a gran maioría son procuradoras.
Foto: Punto GA-M.Riopa.
