18.03.2025. Os 38 xulgados actuais de Vigo transformaranse este ano nun único tribunal de instancia con oficina xudicial e un xuíz por cada un dos actuais xulgados. A nova distribución será o resultado da Lei de Eficiencia da Xustiza que entrará en vigor en abril, con varias fases de aplicación. No tocante aos actuais xulgados de paz de Baiona, Gondomar e Nigrán, pasarán a transformarse en 3 oficinas de xustiza.
A implementación da reforma da Xustiza contará con tres fases: na primeira, ata o 30 de xuño, os xulgados mixtos (como é o caso do Porriño) converteranse nun único tribunal de instancia (Vigo) cun xuíz por cada un dos seus actuais xulgados; na segunda, que finaliza o 31 de outubro, será a quenda dos partidos xudiciais (1ª Instancia, Instrución e Violencia sobre a Muller) de integrarse no tribunal de instancia; e, finalmente, a terceira fase finalizará o 31 de decembro coa transformación dos xulgados que conten cun órgano xurisdicional adicional.
Organización dos tribunais de instancia
Para explicarlles os detalles da reforma aos profesionais da procura e a avogacía de Vigo, o decano do Colexio de Procuradores, José Antonio Fandiño, moderou unha mesa sobre a organización xudicial dos tribunais de instancia, introducida pola decana do Colexio da Avogacía de Vigo, Lourdes Carballo. “Non é só unha adaptación, estamos ante unha reforma de gran calado que vai conlevar un proceso moi complexo para os profesionais. Debemos prepararnos”, indicou Carballo.
Na mesa participaron a directora xeral para o Servizo Público de Xustiza do Ministerio de la Presidencia, Justicia y Relaciones de las Cortes do Goberno de España, Verónica Ollé, o director xeral de Xustiza da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, José Tronchoni, e o maxistrado xuíz decano de Vigo, Germán Serrano.
“Por que implementamos esta lei agora e non hai 10 ou 20 anos? Porque houbo dúas reformas previas que eran complementarias á organizativa: a eficiencia dixital e a procesal”, sinalou a directora xeral, quen remarcou a importancia da colaboración das comunidades autónomas para a introdución da lei.
“A colaboración do Ministerio coas comunidades vai ser mutua”, subliñou, pola súa parte, o director xeral de Xustiza da Xunta, quen valorou positivamente os obxectivos que persegue a reforma: “Ata agora, a solución ao aumento de casos pendentes foi crear máis xulgados, pero o problema non é ese, senón que deben crearse máis postos de xuíces. En Galicia temos 11 por cada 100.000 habitantes, e estase falando de que son necesarios 21”, explicou Tronchoni.
O director xeral sintetizou que Galicia terá 45 tribunais de instancia e 268 oficinas de xustiza, ademais de que as sete cidades galegas terán seccións especializadas e Vigo e A Coruña disporán de presidentes de sección (de Instrución e de Instancia).
Acollida da reforma
“O desenvolvemento regulamentario desta lei vai ter unha importancia clave”, valorou o xuíz decano de Vigo, quien expuxo unha serie de emendas á lei en relación co seu contido e a súa formulación. “A pretensión é que cada xulgado deixe de ser un reino de Taifas, pero penso que esta reforma é un taburete con 3 patas ao que lle falta a cuarta: o lexislador non tivo en conta a reforma territorial. Cando escoitamos que o tribunal de instancia ía ter sede ‘na súa capital’, en Vigo empezamos a poñernos nerviosos”, chanceou Serrano.
Tronchoni tamén puxo o foco en que a inclusión dos delitos de violencia sexual nos xulgados de violencia contra a muller, como contempla a reforma, suporá “un incremento do 8% de carga”.
Fandiño enxalzou, pola súa parte, as novas competencias de execución que a reforma lle outorga á procura, e que o decano considera un respaldo á profesión: “As procuradoras e os procuradores acollemos esta lei cos brazos abertos, porque vemos nela un claro recoñecemento á nosa profesión: por un lado, ábrenselles a porta aos métodos alternativos de solución de conflitos, como a mediación; e, ademais, a lei asígnanos as tan ansiadas competencias de execución, que xa son unha realidade noutros países, como Portugal, e que se traducen nunha xustiza máis áxil e de maior calidade”, concluíu o decano dos procuradores vigueses.
Na imaxe, de esquerda a dereita, o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, o xuíz decano de Vigo, Germán Serrano, o decano do Colexio de Procuradores de Vigo, José Antonio Fandiño, e a directora xeral do Servizo Público de Xustiza, Verónica Ollé, durante as xornadas sobre a Lei de Eficiencia en Vigo. Fotografía: Punto GA- M.Riopa.