22.02.2021.  O poeta Celso Emilio Ferreiro exerceu como procurador en Vigo e foi membro da xunta de goberno do colectivo entre 1950 e 1966. Os dezaseis anos de exercicio de Celso Emilio Ferreiro como procurador son un periodo trascendental na súa vida e obra, coa publicación de dous dos seus poemarios máis coñecidos: O soño sulagado (Vigo, 1955) e Longa noite de pedra (Vigo, 1962). O descubrimento de máis de 50 documentos inéditos, conservados polo Colexio de Procuradores de Vigo, abre unha nova perspectiva para analizar a súa obra con máis detalle. Así o afirma o profesor, crítico literario e escritor Ramón Nicolás, que ve como “o Celso Emilio procurador se reflicte nos seus poemas”.

PREGUNTA. O achado de Celso Emilio Ferreiro como procurador, ¿é unha sorpresa para vostede? ¿Como encaixa na súa historia vital?

RESPOSTA. Foi toda unha sorpresa, teño que confesar. Cando comecei a estudar a súa biografía, prioricei algunhas fases vitais de Celso Emilio das que agardaba que se iluminase algo máis. Dentro do período das súas viviencias en Vigo, nunca atendín ao seu día a día profesional. Tiña presente que iniciara algún negocio que non fructificou como el agardaba e que efectivamente ingresara no colexio de procuradores de Vigo, tarefa que desenvolveu ata que decidiu exiliarse. No nadal estiven a ultimar unha nova  edición de Longa Noite de Pedra, e á luz deste achado de Celso Emilio como procurador, entendín mellor o xogo estilístico da linguaxe burocrática e propia do carácter xurístico que manexaba no seu día a día e polo tanto, reflíctese nos seus poemas.

P. Celso Emilio Ferreiro comparte con outros poetas como Manuel María a profesión de procurador. ¿Por que esa vinculación dos literatos galegos coa procura?

R. Efectivamente, Manuel María desenvolveu a procura durante moitos anos, e tamén figuras actuais, como agora Xulio Vácarcel (A Coruña), seguen ese camiño. Podemos engadir outros grandes nomes das nosas letras como Francisco Fernández del Riego, que foi pasante de Valentín Paz Andrade. É innegable que hai certa vinculación no ámbito do dereito. No caso de Manuel María é curioso, xa que mantiveron sempre unha relación de amizade e aprecio. Non sei se houbo infuencia, para se dedicaren os dous a este ámbito, pero así foi.

P. A súa poesía ten un marcado carácter social, ¿canto inflúe a súa profesión e as experiencias reais vividas no Celso Emilio poeta?

R. Tras este achado, do que Celso Emilio se pode coñecer hoxe en día como procurador, podemos destacar aspectos da estética social: realista, comprometida e reivindicativa da sociedade do seu momento. Celso Emilio como procurador non reclamaba os seus honorarios en moitas ocasións porque non o consideraba pertinente. Nese senso hai unha xenerosidade e unha actitude ética intachable, vinculada coa súa actitude na ética e estética de Longa noite de pedra, onde emprega moitas metáforas e referencias lexislativas. Varios capítulos demostran a actitude de Celso Emlio a prol dos máis desfavorecidos. Outra cousa é que defendese a denuncia social. Agora que coñecemos o seu traballo, temos o punto de vista contrario. Esta época como procurador determina a súa época literaria, ademáis das súas propias experiencias. Todo o que lee, vive e experimenta, resulta determinante como materia literaria nos seus proxectos poéticos.

P. ¿Podemos facer unha analise máis profunda sobre a vinculación da xustiza na súa obra e na súa vida?

R. Cando descubrín esta vinculación, fixen un estudo máis pormenorizado. Se este é o seu traballo, podemos redefinir esa parte das viviencias que desenvolveu na cidade de Vigo. Apuntei alguna nova referencia, aínda que merecería un estudo máis demorado. A partir da visión conxunta do achado do Colexio do Procuradores de Vigo, pódese entrever rasgos novos na súa prosa e noutras obras, ademáis da súa faciana de xornalista por suposto.

P.  ¿Que podemos descubrir da súa biografía?

R. Este achado engade un capítulo valioso e descoñecido. Dende o punto de vista das fontes, moi pouca xente coñecía esta información tan valiosa, que axuda a redefinir o punto de vista biográfico. Só se sabía que Celso Emilio traballou durante determinado tempo como procurador e prácticamente nada máis. Os estudosos como min non podíamos profundizar a que se adicaban os escritores cando non estaban escribindo. E eses anos finais en Vigo antes de marchar ao exilio no 1966 son anos moi interesantes na vida de Celso Emilio. Emigración ou exilio, pódese interpretar das dúas formas.

P. Celso Emilio exerceu como procurador en Vigo de 1950 a 1966. ¿Que vinculación ten a cidade na súa obra? ¿E na súa vida?

R. Vigo, dende un punto de vista literario, está presente en prácticamente todos os seus libros. Son 16 anos que viviu aquí, ademáis da última fase da súa vida. Os anos que viviu en Vigo foron nos que el retomou unha vinculación estreita co galeguismo que sobreviviu á posguerra. Implícase coa editorial Galaxia como accionista. Nos primeiros anos na cidade cultivou O soño sulagado na editorial revista Alba, da que era colaborador. Cando volta de Venezuela, non atopa traballo en Galicia e trasládase a Madrid, pero a cabalo entre Vigo e Celanova. A morte o sorprende en Vigo, máis concretamente en Castrelos.

Penso que son anos que nunca esqueceu, por cuestións tan importantes como a súa amizade con Francisco Fernández del Riego, Álvaro Cunqueiro, Álvarez Blázquez… foron anos de divertimento: consérvanse fotos dos anos 1950 e 1966 nas que podemos ver que estaba moi presente nos actos de carácter social da cidade e ademáis cunha actitude a prol da difusión da lingua e literatura galega.

P. Unha vez que deixa Vigo rumbo Venezuela, ¿que podemos entrever da súa ‘vida anterior’?
 
R. En realidade, pouco tempo antes de marchar tiña dúas opcións: ou ser profesor convidado nunha universidade estadounidense ou incorporarse como asesor cultural en Venezuela. El marcha confiado en atopar unha realidade que o decepciona, porque a súa visión da emigración cambia radicalmente. Que leva da cidade de Vigo para alá? Pois o feito de coller o camiño da emigración, coas súas dificultades económicas e esa recorrente persecución que sufría por parte do réxime, xa que se movía na clandestinidade como fundador da UPG. Supoño que levou os sensabores de ter que marchar pero un recordo grato da súa vida en Vigo, ademáis de recordos e os estudos dos seus fillos. El sempre quixo a Vigo, permanecendo vinculado coa cidade e pensaba voltar, como así sucedeu.

0 comentarios

Comenta

Contáctanos

¿Tienes alguna duda o pregunta? Escríbenos y nos pondremos en contacto lo antes posible



Este sitio está protegido por reCAPTCHA y se aplican la política de privacidad y términos del servicio de Google.

©2021 Ilustre Colegio Procuradores Vigo. Todos los derechos reservados. | Aviso legal | Política de Cookies | Privacidad

Log in with your credentials

Forgot your details?