11 de decembro de 2020. Máis de medio centenar de documentos inéditos, que foron conservados polo Colexio de Procuradores de Vigo ao longo de setenta anos vencellados ao poeta Celso Emilio Ferreiro, saen agora á luz. O achado fai referencia á vida profesional dun dos principais poetas galegos, que exerceu en Vigo como procurador e foi membro da xunta de goberno do colectivo entre 1950 e 1966. Os dezaseis anos de exercicio de Celso Emilio Ferreiro como procurador son un periodo trascendental na súa vida e obra, coa publicación de dous dos seus poemarios máis coñecidos: O soño sulagado (Vigo, 1955) e Longa noite de pedra (Vigo, 1962). O Colexio de Procuradores de Vigo cede á fundación Celso Emilio Ferreiro, que garda a memoria do poeta, o seu arquivo e propón o seu nomeamento como Procurador de Honra na súa próxima xunta xeral extraordinaria que terá lugar a semana próxima.

Con motivo do 70º aniversario do ingreso no Colexio de Procuradores de Vigo do poeta galego, o colectivo desenvolverá en 2021 diversas iniciativas arredor da súa figura, entre as que se inclúen a edición dunha tarxeta de Nadal conmemorativa.

“Eu non son estudoso de literatura, pero estou certo que se Celso Emilio non exercera como procurador a súa escrita non sería a mesma. Os procuradores, e máis na súa época, mantemos o pulso da sociedade a través do noso traballo diario. Unha experiencia que marca e nos fai sensibles ás dificultades que hai ao noso arredor” defendeu José Antonio Fandiño, decano do Colexio de Procuradores de Vigo, esta mañá na presentación da iniciativa Celso Emilio Ferreiro, procurador. Ao acto asistiron tamén Luis Ferreiro Loredo, fillo do poeta e director da fundación Celso Emilio Ferreiro, e o director do Marco, Miguel Fernández Cid.

O primeiro documento, datado do 18 de outubro de 1950 e con firma autógrafa, inclúe a solicitude de Celso Emilio Ferreiro para formar parte do Colexio de Procuradores de Vigo. Un dos últimos, con data do 11 de decembro de 1966, é unha carta firmada solicitando a súa baixa, na que se constata a súa marcha ao exilio latinoamericano. Entre ambos, numerosa correspondencia na que se rexistran cambios de domicilio, tarefas habituais do seu traballo como procurador ou dificultades económicas características dos anos da posguerra civil que o propio Celso Emilio Ferreiro relata nunha carta ao decano do colectivo do momento, Higinio Facorro.

 

Procurador pioneiro e poeta

Celso Emilio Ferreiro, que se instalou en Vigo en 1950, foi o colexiado número 18 dos procuradores vigueses, nunha época na que o colectivo estaba formado só por unha vintena de profesionais. Ferreiro formou parte da xunta de goberno como vogal e participou de xeito activo na redacción dos primeiros estatutos do Colexio, fundado en 1949.

A recuperación e posta en valor da figura de Celso Emilio Ferreiro como procurador é un dos piares da actividade dos procuradores vigueses no 2021, así como a formación continua dos seus profesionais e a renovación da procura co impulso da figura do procurador executivo: un novo operador xurídico que permitiría sumar as actuais funcións dos procuradores as de execución de embargos e dilixencias co obxectivo de colaborar en dotar a Xustiza dunha maior axilidade.

 

Contáctanos

¿Tienes alguna duda o pregunta? Escríbenos y nos pondremos en contacto lo antes posible



Este sitio está protegido por reCAPTCHA y se aplican la política de privacidad y términos del servicio de Google.

©2021 Ilustre Colegio Procuradores Vigo. Todos los derechos reservados. | Aviso legal | Política de Cookies | Privacidad

Log in with your credentials

Forgot your details?