05.10.2022. Auxi Ruiz (Salamanca, 1969) é “charra de nacemento, pero viguesa de adopción, onde me trouxo a vida”, como ela mesma se define. Comezou a facer prácticas nun despacho de avogados, pero tras pasar pola Escola de Práctica Xurídica de Vigo decidiu inscribirse como procuradora. Dende o exercicio da súa profesión non lle gusta que non se valore o seu traballo, que se cuestione a súas minutas e que lle sigan preguntando para que serve un procurador. Con todo, expón o que lle deu a procura: “Grazas a esta profesión tiven a sorte de atoparme cun grupo de compañeiras, agora xa amigas e familia, que sempre estarán aí. Sen elas, o día a día xudicial sería moi diferente”.

Que che deron os 25 anos que levas na profesión?

25 anos! É moi vertixinoso darse conta do rápido que pasaron. Déronme un medio de vida e traballo e uns compañeiros marabillosos. Só outro procurador entenderá as túas cargas e, se o precisas, axudarache. Ademais de todo iso, grazas a esta profesión tiven a sorte de cruzarme cun grupo de compañeiras, agora xa amigas e familia, que sempre estarán aí, con ou sen procura. Sen elas, o día a día xudicial sería moi diferente.

Que é o que máis che gusta de ser procuradora? E que menos?

O que máis me gusta é o ritmo no traballo, o intento de resolver as incidencias do día a día e a psicoloxía e paciencia que adquires ao tratar con clientes, avogados, funcionarios ou compañeiros. O de menos, que non nos valoren, que cuestionen as túas minutas, cando noutras profesións menos cualificadas non o fan. E que che seguen preguntando que “para que serve un procurador”.

Como valoras a evolución da procura?

Cambiou moito, sobre todo na forma de traballar. En poucos anos pasou do papel ao dixital, do fixo da oficina ao móbil, do fax á nube. Tamén se perdeu o contacto máis persoal e diario con funcionarios e compañeiros e iso, ás veces, bótase de menos. Antes non era raro atoparse con procuradores no colexio, ata había xornais sobre a mesa. Agora hai moitos máis colexiados, pero estamos máis despersonalizados. Traballamos en varios partidos xudiciais ao mesmo tempo, é un ritmo de traballo diferente, todo é para xa mesmo, un non stop.

Que lle pedirías entón ao futuro?

Vexo o futuro complicado e, sobre todo, incerto. Dende que te gradúas sempre escoitas o tópico de que a procura ía desaparecer, e despois pasan os anos e seguimos aquí. Agora ben, hoxe en día hai unha sensación de cansanzo e dúbidas sobre o futuro da profesión. A folga de funcionarios e a pandemia provocaron que o funcionamento dos xulgados entrase nun letargo continuo, nun todo da igual que afecta á hora de realizar o noso traballo. Gustaríame que os procuradores tivesen máis visibilidade e máis funcións, que fosen considerados unha parte importante do mecanismo xudicial.

Ademais de correr, que fas no teu tempo libre?

Intento facer actividades que me desconecten deste traballo tan absorbente. Sobre todo, deportes ao aire libre e viaxes. Non hai nada como coller un avión para esquecerse dos xulgados, prazos e Lexnet.

 

©2023 Ilustre Colegio Procuradores Vigo. Todos los derechos reservados. | Aviso legal | Política de Cookies | Privacidad

Contáctanos

¿Tienes alguna duda o pregunta? Escríbenos y nos pondremos en contacto lo antes posible



    Este sitio está protegido por reCAPTCHA y se aplican la política de privacidad y términos del servicio de Google.

    Inicia Sesión con tu Usuario y Contraseña

    ¿Olvidó sus datos?