25.11.2021. Eliana Martíns (Boqueixón, 1984) é xornalista especializada en tratamento de informacións con perspectiva de xénero, membro da xunta de goberno do Colexio de Xornalistas de Galicia e responsable da comunicación do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. A xornalista é unha das profesionais especializadas que participa no curso de formación continuada en materia de violencia de xénero que os procuradores de Vigo organizan durante o mes de novembro. “É moi necesario que cando os profesionais e as profesionais da Xustiza sexan consideradas como fonte experta nos medios de comunicación fagan máis transparente o proceso xudicial para dar confianza as vítimas e que sintan a garantía de que van estar ben acompañadas, protexidas e atendidas” explica Martíns.
Como valora o tratamento dos casos de violencia de xénero na prensa?
O tratamento informativo é claramente mellorable. Hai un descoñecemento derivado da falta de formación específica para entender que o tratamento informativo de violencia xénero ten que ser distinta que a de sucesos. Estamos aprendendo.
As veces a cobertura de casos de violencia de xénero convértese en espectáculo.
Si, e iso responde a que se empregan as claves da información de sucesos, onde o importante é o que lle pasou a vítima. A situación nos casos de violencia de xénero é distinta. É violencia estrutural. A información con tratamento de violencia de xénero debe estar construída sobre outras claves e ter tamén un factor de prevención e sensibilización. Moitas mulleres, nenos e nenas están nesa situación. É importante que a información sexa elaborada de xeito responsable para que sexa útil para aquelas persoas que viven unha situación semellante.
Como se introduce a perspectiva de xénero nas informacións?
Estamos nun proceso de aprendizaxe. Hai un documento clave, a declaración de Compostela, un decálogo no que se recollen as claves informativas a hora de tratar a nivel informativo un suceso grave de violencia de xénero. Par min o mais importante é a protección da vítima. Non caer na culpabilización ou en dar datos innecesarios e empregar sempre fontes expertas.
Como poden colaborar os profesionais da Xustiza na xeración desa nova perspectiva?
O seu rol como fontes expertas e no trato coas vítimas é fundamental. O proceso xudicial é moi duro para a vítima de violencia de xénero, é hostil e descoñecido. Afortunadamente a maioría das persoas non pasamos por el e moitos pasos do proceso resúltanos difícil de comprender. É moi necesario que cando os profesionais e as profesionais da Xustiza sexan consideradas como fonte experta nos medios de comunicación fagan máis transparente o proceso xudicial para dar confianza as vítimas e que sintan a garantía de que van estar ben acompañadas, protexidas e atendidas
E a nivel individual, que podemos facer?
É preciso actuar como unha cidadanía critica e esixente cos medios de comunicación. Os consumidores e consumidoras somos o seu público, podemos esixir un tratamento correcto, unha perspectiva de xénero nas súas informacións.