O decano do Colexio de Procuradores de Vigo, José Antonio Fandiño, é o novo presidente do Consello Galego dos Procuradores, en substitución de Fernando González-Concheiro. A nova directiva complétana o decano do Colexio da Coruña, Javier Carlos Sánchez (vicepresidente), Natividad Alfonsín (secretaria) e, como vogais: González-Concheiro, Yolanda Vidal, Carmen Belo, Eduardo L. Fariñas, Ricardo Garrido, Ana López, José Antonio González, Gisela Álvarez, José Ramón Curbera, Joaquín Gabriel Santos, Jesús Jacobo Martínez, Faustino Javier Maquieira, Jacobo Varela, José Ángel Pardo e Manuel Faustino Mourelo.
A nova directiva do Consello Galego dos Procuradores ten un mandato de dous anos e traballará para reivindicar o traballo dos profesionais das catro provincias galegas á hora de axudar a resolver o problema estrutural de atasco xudicial, que en Galicia se incrementou un 30,9% dende 2017, cunha media de 629 asuntos en trámite por xulgado ao peche de 2022.
“Aínda que o incremento do atasco xudicial en Galicia se sitúa por debaixo da media española, preocúpanos o seu notable crecemento nos últimos seis anos. Por iso, faise imprescindible non só o labor dos profesionais da procura, senón tamén o seu reforzo a través da figura do procurador executivo. É necesario darlles competencias aos procuradores para poñer ao día os xulgados”, salientou José Antonio Fandiño tras a formación da nova directiva do Consello autonómico.
Os datos do último informe do Colexio de Procuradores de Vigo en colaboración co Consello Galego dos Procuradores indican que os casos sen resolver aumentan en toda Galicia moi por riba do incremento dos asuntos ingresados, que medraron un 4,2% dende 2017.
Vigo e A Coruña figuran entre as cidades con maior atasco de Galicia, cunha media de atasco por xulgado de 582 e 854 asuntos en trámite, respectivamente. O maior crecemento dos asuntos sen resolver nos xulgados galegos (entre 2017 e 2022) rexístrase en Ferrol (+79,7%), seguido de Vigo (+68,3%), A Coruña (+63,8%) e Lugo (+29,8%).
O Consello Galego dos Procuradores é o órgano de representación dos seis colexios profesionais que engloban os 672 profesionais colexiados de toda Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).
O Colexio de Procuradores de Vigo está formado polos 143 procuradores colexiados dos partidos xudiciais do Porriño, Ponteareas, Redondela, Tui e Vigo.