02.07.2024. Os 137 procuradores e procuradoras colexiados en Vigo realizaron en 2023 un total de 5.287 quendas de oficio, un 11,6% máis que no exercicio anterior a unha media de 39 asistencias de xustiza gratuíta por procurador. Os datos figuran na Memoria de Actividade 2023 que pode consultarse nesta web ou nas oficinas do Colexio Oficial de Procuradores de Vigo (Cidade da Xustiza de Vigo, rúa Pizarro).
A memoria constata que durante o último ano os procuradores contribuíron a suavizar a caída da actividade xudicial e a reducir nun 3% os asuntos pendentes na área do Porriño, Ponteareas, Redondela, Tui e Vigo.
“Grazas ao esforzo e o compromiso coa Xustiza das procuradoras e os procuradores de Vigo, os escritos elaborados superaron as cifras pre-pandemia: sacamos adiante 96.273 escritos, 8.072 máis que en 2019”, sinala o decano do Colexio, José Antonio Fandiño.
Entre as actividades do Colexio de Procuradores de Vigo sintetizadas na Memoria, destaca a monitorización do impacto das folgas, a petición á administración autonómica dun sistema escalonado de entrada de notificacións para evitar un ingreso masivo de casos despois dos paros e a reivindicación da figura do procurador executivo para axilizar a Xustiza.
O Colexio colaborou, ademais, na elaboración do informe A Xustiza a en Galicia 2023 do Consello Galego dos Procuradores, e na organización dos cursos de Violencia de Xénero e de Oratoria Xurídica.
Para facilitar o desempeño profesional das procuradoras e procuradores, o Colexio de Procuradores lanzou a súa nova páxina web, máis moderna e funcional, puxo en marcha unha ferramenta de acceso ao novo servizo Apud Acta Electrónico e reivindicou unha maior accesibilidade ás ferramentas de dixitalización da Xustiza.
Podes consultar a Memoria 2023 aquí.
Na imaxe, inauguración do máster universitario da avogacía e a procura na Universidade de Vigo. FOTO: Punto GA / M. Riopa.