Neste momento estás a ver A actividade xudicial cae ata o 1,5% tras 3 semanas de confinamento

A actividade xudicial cae ata o 1,5% tras 3 semanas de confinamento

  • Categoría da entrada:Novas

6 de abril 2020. A actividade dos xulgados de Vigo reduciuse ao 1,5% tras tres semanas de confinamento. Coa limitación da vida xudicial á tramitación exclusiva de casos urxentes tras o decreto do estado de alarma o pasado 14 de marzo, os procuradores de Vigo xestionaron en tres semanas un total de 1.245 notificacións e 616 escritos: a décima parte do tramitado nos cinco días da semana anterior ao decreto das medidas extraordinarias por parte do Goberno.

Vigo pecha 2019 como a cidade española con máis asuntos ingresados entre as do seu tamaño. Con 54.761 ingresos sitúase por diante de Bilbao, Alicante, A Coruña ou Córdoba segundo o informe A Xustiza en Vigo elaborado polo Colegxio de Procuradores de Vigo. Os asuntos resoltos na urbe durante o ano creceron un 22%, aínda que tamén continúan en ascenso o número de asuntos sen resolver, con 20.083 acumulados ata decembro de 2019.

O Consello Xeral do Poder Xudicial anunciou que prepara xa un plan de axilización na xurisdicción social, contenciosa-administrativa e xulgados do mercantil que será posto en marcha cando sexa posible a reapertura das salas e volta á actividade ao finalizar a crise xerada pola Covid-19. Entre 2007 e 2010, en Galicia duplicáronse as execuciones hipotecarias que pasaron de 701 a 2003, ao igual que as demandas por despidos, que aumentaron ata aos 6.621 en tres anos como efecto da crise económica de 2008. Os concursos presentados ante os tribunais galegos creceron de 81 a 403 en 2010, cinco veces máis.

“Os procuradores de Vigo quedámonos na casa para poder voltar aos xulgados canto antes. Como operadores privados, a nosa actividade estes días, ao igual que a de moitos traballadores e empresas, queda a cero. Dependemos do funcionamento dos xulgados. Pasamos de 100 a 1 en tres semanas”, explica José Antonio Fandiño, decano do Colexio de Procuradores de Vigo.

Ante a situación xerada pola expansión da pandemia e seguindo as recomendacións das autoridades, os procuradores só acoden aos xulgados en caso de que sexa imprescindible para a gestión de casos urxentes. A tramitación dos escritos e notificacións, cunha media de 11 e 39 diarios respectivamente durante a terceira semana de confinamento, realízase a través da aplicación informática Lexnet como é habitual para os profesionais da procura.