Neste momento estás a ver A cea do Colexio exhibe o orgullo de ser procurador

A cea do Colexio exhibe o orgullo de ser procurador

  • Categoría da entrada:Novas

22.06.2023. O Colexio de Procuradores de Vigo celebrou o pasado venres a súa cea anual de colexiados, onde ducias de profesionais puideron reunirse para brindar pola procura e o compañeirismo entre moita emoción, risos e mensaxes de agradecemento ao Colexio e de orgullo cara á profesión.

Durante a velada, que tivo lugar no hotel Attica 21 de Samil, fíxose entrega das medallas aos procuradores que contar con 25 e 40 anos de profesión, coa participación do decano e a vicedecana do Colexio, José Antonio Fandiño e Gisela Álvarez, o presidente da Correduría da Mutualidad de Procuradores, Jacobo Varela, e o secretario técnico do Colexio, José Marquina.

As procuradoras Rosa Marquina, Amparo González, Carmen Hermida e Victoria Soñora recolleron a insignia de prata polos seus cinco lustros de exercicio. Juan Señoráns, Carina Zubeldia, María Begoña Saborido, Manuel Lamoso, Gloria Quintas e o decano, José Antonio Fandiño, recibiron a condecoración polas súas catro décadas de profesión.

 

 

O decano do Colexio agradeceulles aos presentes o seu traballo e compañeirismo e fixo unha mención especial aos que, coma el, comezaron a traballar como procuradores hai 40 anos, cando só había “catro xulgados de instancia e outros catro de distrito; papel cebola, papel de calco, tipex e máquinas que obrigaban a imprimirlles unha forza aos dedos moi lonxe do que supón hoxe en día escribir no teclado dun ordenador”, rememorou.

“Creo que os que fixemos 40 anos de exercicio profesional temos a responsabilidade de devolverlle á sociedade parte do que recibimos dela e, en concreto, poder servirlles de axuda aos compañeiros máis novos nos momentos difíciles, tal como fixeron con nós os nosos maiores”, destacou José Antonio Fandiño, quen tamén fixo unha mención especial aos exdecanos do Colexio, e especialmente a Jesús González-Puelles.

O decano finalizou o seu discurso reivindicando a importancia da procura para o bo funcionamento da Xustiza e enxalzou o orgullo das procuradoras e procuradores cara a unha profesión máis necesaria ca nunca. “O ano pasado, unha compañeira dicíanos que se sentía moi orgullosa de ser PROCURADORA, con maiúsculas. Permíteme, Chus (Nogueira) que me apropie das túas palabras para dicir que, igual ca ti, síntome PROCURADOR, e dos tribunais. Importante non perder o apelido”, concluíu Fandiño.

A velada rematou cun sorteo de premios entre todos os presentes e un baile de despedida. Deica o ano que vén!