05.06.2025. Os oito xulgados de Instrución que actualmente ten Vigo acumulan na actualidade un total de 2.938 asuntos pendentes, o que supón un 38,7% máis de atasco que hai cinco anos (2019-2024), a unha media de crecemento da conxestión do 7,2% anual. O Colexio de Procuradores de Vigo estima que, coa supresión dunha sala de Instrución para instalar unha de Violencia de Xénero pola aplicación da Lei de Eficiencia, o atasco multiplicarase por dous nun só ano.
“Vigo non necesita nin un xulgado menos en ningún ámbito. Está moi ben reforzar a xudicatura contra a violencia de xénero, pero esta cidade e, sobre todo, os seus cidadáns, xa levan tempo precisando de maior investimento no servizo público da Xustiza”, sinala José Antonio Fandiño, decano do Colexio de Procuradores de Vigo.
Os 8 xulgados actuais de Instrución de Vigo acumulan un atasco de 2.938 casos, un 39% máis que hai seis anos e a una media de crecemento anual do 7%. O último estudo do Colexio de Procuradores de Vigo estima que a supresión dun xulgado de Instrución elevará o atasco anual en 3.679 asuntos por ano, co que só en 2026 se multiplicaría por dous o atasco actual. Na media dos últimos 6 anos (2019-24), nos xulgados de Instrución de Vigo entraron 22.625 novos casos e resolvéronse 21.652 asuntos por ano, o que promedia unha capacidade de resolución por xulgado de 2.706 casos ao ano. Para evitar duplicar atasco nun só ano, os 7 xulgados de Instrución que quedarán en 2026 terían que incrementar a súa capacidade de resolución nun 45%, algo inviable coa carga actual.

Ata o de agora, os xulgados vigueses de Instrución estaban a mellorar notablemente a súa eficiencia, cun incremento de preto de 1.000 casos máis resoltos cada ano, ata acadar os 23.072 casos resoltos en 2024. A cifra mesmo supera o número de asuntos ingresados no 2024 (22.691 casos), “unha evolución que, despois de moito traballo de todos, non vai servir para nada se agora se elimina un xulgado”, explica Fandiño.
O Colexio de Procuradores de Vigo enviará os seus estudos ás diferentes autoridades e promoverá diferentes iniciativas para corrixir “o enorme erro desta decisión” e manter en Vigo o Xulgado de Instrución 8, ao tempo que reforzar cun xulgado máis Violencia de Xénero.
O estudo dos procuradores vigueses constata que o atasco xudicial en Violencia de Xénero creceu nun 31% nos últimos seis anos, polo que aplaude o seu reforzo (actualmente suman un atasco de 384 casos pendentes, 194 por órgano).
“Por suposto que precisamos máis xulgados de Violencia de Xénero en Vigo, mais tamén de Instrución. O atasco endémico e continuado no tempo que vimos experimentando sinala que reducir salas é o contrario do que precisan os cidadáns de Vigo. A Lei de Eficiencia será eficiente se vén con recursos e tamén con medidas que nos dean aos procuradores maiores competencias. Agardamos que o Goberno dea marcha atrás no que sería un retroceso para a área xudicial viguesa”, sinala o decano do Colexio de Procuradores de Vigo.
O Colexio de Procuradores de Vigo conta con 127 profesionais colexiados que operan nas áreas do Porriño, Ponteareas, Redondela, Tui e Vigo.
Fotografía: Punto GA-M. Riopa.
