24.10.2023. O presidente do Consello Galego dos Procuradores e decano do Colexio de Procuradores de Vigo, José Antonio Fandiño, asinou hoxe dous convenios coa Xunta de Galicia para o impulso da mediación e a asistencia xurídica gratuíta, polo que o executivo autonómico destina ao Consello un total de 65.000 euros.
Fandiño asinou co vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, un acordo de colaboración en materia de mediación no ámbito civil e mercantil, que inclúe unha dotación de 15.000 euros para potenciar a mediación como alternativa de solución de conflitos no eido da empresa. A través deste acordo, o Consello comprometeuse a impartir tamén formación específica na materia.
No eido da xustiza gratuíta, Consello e Xunta asinaron un segundo convenio por valor de 50.000 euros para os profesionais da procuradoría galega que son designados en virtude de requirimento xudicial. Esta prestación destínase ao servizo naqueles procedementos penais cuxas persoas defendidas, físicas ou xurídicas, teñan denegado o dereito de asistencia xurídica gratuíta por diferentes causas, como defectos de forma na solicitude ou carencia de recursos ou patrimonio para afrontar os custos.
Na sinatura dos convenios estivo tamén presente o director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, José Tronchoni.