Neste momento estás a ver Fandiño: “Por fin, este mestrado permítevos ser avogados e procuradores”

Fandiño: “Por fin, este mestrado permítevos ser avogados e procuradores”

  • Categoría da entrada:Novas

16.10.2025. O decano do Colexio de Procuradores de Vigo, José Antonio Fandiño, acudiu á inauguración da segunda edición do Mestrado en Avogacía e Procuradoría da Universidade de Vigo, de cuxa organización forma parte dende que a formación xunta o temario para ambas as profesións: “Por fin, este mestrado permítevos ser tanto avogados como procuradores. Estou seguro de que o camiño que hoxe emprendedes finalizará con éxito e unha carreira que vos fará sentir, como a nós, verdadeiro orgullo e vocación de servizo público”, sinalou Fandiño ante alumnado e profesorado.

Deontoloxía, responsabilidade civil, xestión económica, tecnoloxía e actos de comunicación foron algúns dos puntos clave do temario que o decano lles avanzou ás alumnas e alumnos do mestrado, como tamén a execución, “non menos importante, sobre todo as pescudas de patrimonio e embargos e a realización de bens”, destacou Fandiño. Coa entrada en vigor da Lei de Eficiencia do Servizo Público de Xustiza, a procura pode exercer competencias de execución, previo consentimento informado.

“Pretendemos que cheguedes a visualizar todo o que acontece dende que a demanda sae do despacho do avogado ou avogada ata que chega ao xulgado; e de modo inverso, dende que sae do xulgado, chega ao despacho da avogacía e o labirinto que existe entre un paso e outro. Son tempos de auténtica voráxine lexislativa, e por iso ímonos asegurar de que saiades moi ben preparadas e preparados”, concluíu o decano.

A inauguración do mestrado tamén contou coa presenza de Francisco José Torres Pérez, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo; Pablo Grande Seara, coordinador académico do mestrado, María Lourdes López Fernandez, coordinadora profesional do mestrado, e Blanca Otero Otero, secretaria académica.

Na imaxe, Fandiño, López, Torres, Seara e Otero este luns na inauguración do curso 2025-2026 do Mestrado en Avogacía e Procura.

FOTO: Punto GA / M. Riopa.