07.06.2024. O Colexio de Procuradores de Vigo celebrou a súa cea anual de compañeiros nun encontro emocionante e fraternal no que as e os profesionais expresaron o seu agradecemento á procura e o seu dexeo dun futuro para a profesión.
“Dende a honradez e o bo facer, estou seguro de que os procuradores seremos capaces de ser o elemento dinamizador tan necesario para lograr uns prazos razoables nos trámites xudiciais”, sinalou o decano do Colexio de Procuradores de Vigo, José Antonio Fandiño, no seu discurso de benvida.
Como é tradición, o Colexio e a Mutualidade entregaron insignias ás procuradoras e procuradores homenaxeados polos seus 25 e 40 anos de profesión: Elena Salgado, Carmen Vázquez Cueto, Pedro Lanero, Celsa Muñoz, Mónica Vidal, María Miranda e Soledad Pérez; e Fátima Portabales, Ana Pazo, Mercedes Pérez e José Fernández.
Algunhas das homenaxeadas dedicaron unhas palabras de agradecemento a todos os presentes, ademais de a familiares e compañeiros. “Ser procuradora fíxome feliz e espero poder seguir feliz outros anos máis. Por todos e todas vós”, desexou Celsa Muñoz. “Grazas por ter estado comigo nos bos momentos e, sobre todo, nos malos”, agradeceu Soledad Pérez.
Mercedes Pérez tivo tamén unha lembranza para quen a acompañaron nos seus inicios: “Unha mención especial a Charo Barros e a Marquina, que me abriron o despacho hai 40 anos para facer as prácticas”, rememorou emocionada. E Ana Pazo transmitiu os seus mellores desexos para o retiro profesional. “Deséxovos a todos moita felicidade e que teñamos unha xubilación digna”, transmitiu.
A cea contou coa presenza de decanas e decanos de outros colexios, como Begoña Molla (Valencia), Pablo Marín (Zaragoza), Pilar Fuentes (Alicante), Macarena Olle (Lleida), Ana Julia Sanz (Ciudad Real), Rosaura Díez (Cantabria), Encina Martínez (León) e Fernando González-Concheiro (Santiago).
Tamén acudiron representantes da Mutualidad de Procuradores, como Jesús González-Puelles e Jacobo Varela, e as decanas do Colexio da Avogacía de Vigo, Lourdes Carballo, e do Colegio de Economistas de Vigo, Lucy Amigo. E, por suposto, ducias de colexiadas e colexiados que non quixeron perder unha velada alegre e distendida cos seus compañeiros. Os procuradores veteranos Ana Pazo e Manuel Lamoso foron os encargados de abrir o baile que puxo punto e final á cea deste ano.
Fotografías: Punto GA – M. Riopa.