Neste momento estás a ver O Colexio da Procura aplaude a dotación de xuíces para o Mercantil e a Audiencia de Vigo

O Colexio da Procura aplaude a dotación de xuíces para o Mercantil e a Audiencia de Vigo

  • Categoría da entrada:Novas

08.07.2026. O Colexio da Procura de Vigo amosa a súa satisfacción pola próxima creación en Vigo dun novo maxistrado do Mercantil e outro para a Audiencia Provincial civil, logo dun ano de traballo e reunións coas autoridades xudiciais da Xunta de Galicia, a Audiencia Provincial de Pontevedra e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Xunto con este aumento de profesionais, tamén se recupera un xuíz de Instrución e outro máis para a sección Sexta da Audiencia Provincial en Vigo.

O Colexio da Procura vigués elaborou un estudio sobre a carga xudicial de todos os xulgados galegos e a súa evolución na última década, no que o xulgado Mercantil de Vigo figura como o máis atascado con diferenza de Galicia (2.628 asuntos en trámite en 2025, cinco veces máis que hai dez anos), a pesar de ser o que máis asuntos resolve (1.677, o triplo que en 2015).

No caso da sección Sexta da Audiencia en Pontevedra (civil), tamén é a sala provincial que acumula máis casos pendentes de toda a Comunidade galega (5.670), multiplicándose por cinco en dez anos, ademais da que máis asuntos ingresa e a que máis resolve.

“É una decisión lóxica, baseada en datos. A maior cidade galega, a que máis empresas ten, a que máis cidadáns atende en Galicia, segue a estar considerada xudicialmente como se fose unha vila máis. Levamos máis dun ano trasladando o problema ás autoridades e hoxe podemos dicir, misión cumprida”, sinala José Antonio Fandiño, decano do Colexio da Procura de Vigo.

Accede ao Informe Mercantil de Vigo elaborado polo Colexio da Procura