Neste momento estás a ver Os procuradores tramitan un 14% máis escritos entre setembro e xaneiro que no ano anterior

Os procuradores tramitan un 14% máis escritos entre setembro e xaneiro que no ano anterior

  • Categoría da entrada:Novas

12.02.2021. Vigo terminou o terceiro trimestre de 2020 coa cifra de maior número de casos xudiciais sen resolver, con 22.268 asuntos atrancados, un 51,7% máis que en 2017 e un 15,8% máis que en 2019. Segundo os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) o atasco xudicial vigués case duplica en crecemento en 2020 ao do resto de Galicia, cun aumento do 9,1% no número de casos sen resolver. O crecemento do atasco foi especialmente grave en 2020, ao suspenderse durante varios meses o traballo na Administración de Xustiza, por ser considerada un servizo non esencial polo Goberno de España. En Vigo, o descenso da actividade foi especialmente acusado entre os meses de marzo e agosto, chegando a quedar sen tramitar o 97% (abril 2020) dos asuntos demandados polos cidadáns.

No mes de xaneiro de 2021, a actividade volve recuperarse. Segundo os datos do Colexio de Procuradores de Vigo, os xulgados do partido xudicial tramitaron 7.900 escritos, un 4% menos que o mesmo mes en 2020 e 40.580 notificacións, un 7% máis que o pasado ano. A pesar do descenso en xaneiro, o número de escritos xestionados mantense un 7% por encima dos 7.350 escritos xestionados de media mensual en 2019, antes do avance da pandemia do coronavirus.

A actividade nos xulgados vigueses continúa a súa recuperación e mantense estable dende o pasado mes de setembro, cunha media de 9.552 escritos xestionados ao mes no último trimestre do ano, un 14% máis que o mesmo período de 2019. Vigo atópase tamén entre as cidades españolas cun maior atasco xudicial, só por detrás de Bilbao e Alacante, en 2020. Os casos sen resolver aumentan no municipio un 15,8% nos primeiros 9 meses de 2020 ata os 22.268 asuntos, segundo o último informe realizado polo Colexio de Procuradores de Vigo que analiza a situación xudicial da urbe en comparación con outras 9 cidades españolas similares.