18.06.2019. A figura do procurador executor chegará ao Congreso dos Deputados en fórmula de pregunta. Trala reunión mantida hoxe cos procuradores vigueses, Yolanda Díaz, representante de Galicia En Común, formulará preguntas ao lexislador sobre a posible creación de novas figuras na administración de Xustiza, como a do procurador executor.
Os procuradores de Vigo iniciaron hoxe o seu plan de encontros cos membros do Congreso dos Deputados de todos os partidos políticos co obxectivo de elevar unha reforma lexislativa que permita axilizar a Xustiza, especialmente no caso de Vigo.
A proposta dos procuradores de Vigo segue a estela da iniciada polo Consello Xeral de Procuradores de España para aumentar as competencias destes profesionais para que poidan actuar como procuradores executores: intervir directamente e axilizar as execucións de sentenzas. Trátase dun modelo moi semellante ao establecido en Portugal, onde se reduciron notablemente os retrasos xudiciais.
Nas próximas semanas está previsto que a directiva dos procuradores de Vigo se reúna co alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (Femp), Abel Caballero; as diputadas do PP, Ana Pastor; do PSOE, Olga Alonso, Ángeles Marra e Gustavo Meijón; e de Ciudadanos, Beatriz Pino.