11/02/2022. José Marquina (Vigo, 1966) é desde principios de xaneiro o novo xerente do Colexio de Avogados de Vigo. Os seus estudos de publicidade e mercadotecnia están lonxe dos de procurador, pero leva máis de 30 anos traballando como xestor xudicial de procuradores de toda Galicia. “Atráeme o dinamismo do Colexio de Procuradores de Vigo”, afirma o novo xerente. Marquina afirma estar entusiasmado por poñer en marcha novos proxectos que axuden e melloren o traballo dos procuradores vigueses.
Como pasaches de estudar publicidade e mercadotecnia a traballar no mundo xudicial?
Meu pai era procurador en Vigo e quería que fixese dereito pero eu non, e fun a estudar publicidade e mercadotecnia a Madrid. Traballando un verán para axudarlle no seu despacho, entre unha morea de arquivos, atopei unhas facturas de axencias de publicidade. Vendo cales eran os trámites para as publicacións no Boletín Oficial da Provincia, no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado, decidín constituír unha empresa que o faría: “Edictos y Publicaciones S.L.” chamábase. Comecei a traballar co meu pai, logo ofrecinme a outros despachos e acabei traballando con moitos procuradores.
Que fixeches exactamente dende a empresa?
Nun principio publiquei os edictos no Boletín Oficial da Provincia, no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado: notificacións, sentenzas, requirimentos,… Despois dun par de anos tamén comecei a levar a tramitación de mandamentos, anotacións, ampliacións, cancelacións, etc. Despois preparei un exame no Colexio de Procuradores para ser oficial habilitado; primeiro o fun do meu pai e despois da miña irmá, que tamén é procuradora. Levo toda a miña vida profesional axudando aos procuradores e xestionando os seus trámites, dende 1991 ata hoxe.
Como xurdiu a oportunidade no Colexio de Vigo?
Ten un elemento de azar. Eu tiña dúas actividades: publicación de edictos e envío de autos dos rexistros da propiedade de toda España. En maio de 2021, o goberno anunciou que a partir do 1 de xuño todas as publicacións serían tramitadas directamente polos tribunais, co que perdín a metade do meu traballo. E xusto o pasado 1 de xuño o Colexio de Procuradores de Vigo anunciou que iniciaba un proceso de selección, polo que me ofrecín a aportar a miña experiencia en desenvolver proxectos que axuden no día a día do procurador.
Cales son estes proxectos do Colexio de Avogados coa túa incorporación?
O primeiro que imos facer é crear unha sociedade xestora para tramitar, dende o Colexio, todos os mandamentos aos rexistros de toda España, tanto da propiedade como mercantil. Así quitamos traballo burocrático aos compañeiros, de forma eficiente, máis barata e co Colexio detrás. Tamén pretendemos ofrecer cobertura técnica informática aos despachos de procuradores, apoio fiscal ao peche de trimestres e todo o asesoramento que precisen. E queremos explorar a posibilidade de colaborar coa Mutualidade de Procuradores a través da correduría de seguros.
Que é o que máis che atrae deste cambio profesional?
Estou moi ilusionado de sumarme a este proxecto porque levo moitos anos traballando con procuradores, coñezo practicamente a todos os de Vigo e tamén doutras provincias galegas e síntome preparado. Veño a axudar en todo o que poida. Tamén me atrae o dinamismo do Colexio de Vigo. E iso, unido a que son unha persoa moi activa, fai que teñamos moitas ideas para poñer en marcha, aínda que iremos pouco a pouco.