06.03.2024. Manuel Castells xubílase. Despois de 42 anos de profesión, o ilustre procurador de Vigo, nacido en Beneixama (Alacant) en 1955, colga a toga. Castells foi procurador durante 42 annos e ex-decano do Colexio de Procuradores de Vigo. Crítico coa evolución das condicións de traballo, coa actualización de aranceis e coa evolución do propio concepto da Xustiza, cre no papel dos profesionais da procura na construción do futuro. “Debemos seguir adiante crendo que é posible crear unha sociedade mellor e que, como procuradores, temos unha función moi importante nela dentro do ámbito da Administración de Xustiza”, sinala Castells.
O Colexio de Procuradores de Vigo réndelle homenaxe o 8 de marzo por toda unha vida como profesional e compañeiro.
Que sensacións tes ao xubilarte despois de 42 anos como procurador?
É frecuente pensar que a xubilación é algo que nunca vai chegar, pero sempre chega, gústeche ou non, e non tes máis que aceptalo. Tamén comecei a sentir moitos apegos e afectos no momento que me decatei de que se estaba a producir unha separación da vía profesional. E algo de tristura, porque ves que o tempo vai andando e sempre tes a sensación de que poderías ter feito máis ou telo feito mellor. Pero non se pode ser demasiado duro cun mesmo, hai que aceptar a vida como se desenvolveu.
Poderías sintetizar algúns recordos?
Uf! Agora, así, tan de súpeto, é bastante complicado. Si que me gustaría destacar que esta profesión é bastante descoñecida polo feito de que somos auténticos axentes da realidade do día a día. Nun xulgado conflúe toda a ampla gama de persoas e situacións que se poden dar na vida, demandantes, demandados, vítimas, vitimarios… E iso, ademaais de dar moito que pensar, preséntache situacións moi difíciles de mirar cara a cara. Pero polo menos podemos chegar a comprender a natureza e o sentir da xente e as necesidades do día a día. Quizais a experiencia máis dura que tiven que enfrontar foi ver como unha nai e os seus fillos pequenos tiñan que abandonar a casa por desafiuzamento, con moita dor do cliente. Pero tamén teño visto en que condicións atopou algún propietario o seu inmoble. E, neste sentido, penso que a Administración debería implicarse un pouco máis e asistir a algún lanzamento de vivenda para ver a realidade.
Que é o que máis mudou na profesión nos teus anos de traxectoria?
Resumiríao no gran cambio que nos supuxo pasar de facer copias en papel cebola, porque aínda non había nin fotocopiadoras, a estar agora completamente pendurados na nube. Tanto que, cando falla, lévanos o demo, porque os prazos están aí e hai que afrontar a situación como mellor podes e coa máxima tranquilidade posible. O cambio é necesario, está ben, pero vexo un fenómeno no que os valores morais e os técnicos non andan parellos, prímase un sobre o outro. Hai un grande optimismo coa tecnoloxía, como se fose o que vai salvar a humanidade, pero eu penso que non soluciona os grandísimos problemas sociais que temos no día a día, nin tampouco na profesión.
E entre os profesionais?
O incremento de mulleres na procura é o gran fenómeno que aconteceu na profesión. Cando comecei, a porcentaxe de procuradoras andaría sobre o 15% ou o 20%, e actualmente debe de roldar o 75%. Cando era decano sempre instaba a que houbera unha decana para que as mulleres tamén empezaran a decidir sobre a profesión. Non o conseguín, pero agardo que isto tamén cambie.
Como asegurar o futuro da procura?
É a pregunta do millón. Eu creo nun futuro da procura con moitos cambios. Ao inicio da profesión había certa reticencia cara a nós, quizaais por crer que eeramos incompatibles ou que había competencia entre avogados e procuradores. Diso pasamos a que institucionalmente se cuestione a nosa figura.
Pénsase que a Xustiza é un problema económico, de abaratar custos, pero non é así. Estamos a limitar o que cobra un procurador ou un avogado, como xa se fixo na última actualización do arancel, de maneira que calquera cidadán pode cuestionar o valor do teu traballo. Por que non se fala de abaratar custos noutros sectores e se cuestiona a percepción económica do seu traballo? Semella que a Xustiza comeza a entenderse como un consumo de servizos xudiciais e apúntase a unha incapacidade sistémica para dar respuesta á demanda, con demasiados cambios e demasiado rápidos. As persoas físicas teñen a súa cadencia e os seus ritmos de traballo e, en función do número de persoas que hai, resólvese máis ou menos rápido.
Din que un bo sistema xudicial debe ser rápido, non custoso, previsible e fiable, como se puidera solucionarse cunha máquina como a do café que funcione con Intelixencia Artificial. Límitase o campo a cuestións meramente técnicas e tecnolóxicas. Isto é o que se prevé, pero o mundo estámolo facendo permanentemente.
A tecnoloxía pode substituír o traballo dos procuradores?
O que subxace no fondo de todo isto é que os problemas humanos son problemas que pode solucionar a tecnoloxía, pero eses son só algúns. Fundamentalmente, os problemas humanos son emocionais, e iso unha máquina non o vai solucionar se queremos facer unha sociedade máis xusta.
Os procuradores temos unha función moi próxima á xente, como o acompañamento. Agora tamén se está a falar de crear un facilitador, que para min é outro voluntariado máis. Eu penso que os procuradores xa están precisamente para facilitarlle á xente o acceso á Administración de Xustiza, con palabras entendibles.
A figura do procurador executivo, que xa teñen outros países europeos como Portugal, podería mellorar a profesión en España?
Si, podería, pero o tema de darlles máis funcións aos procuradores é tan antigo como o Libro Branco da Xustiza, que viu a luz nos noventa. Despois, dende o Consejo General de Procuradores propúxoselle ao Ministerio ampliar a capacidade de acción do procurador dentro do sistema de execución. A resposta foi negativa. E, coma ese, houbo outros intentos.
Podería darse a situación de que o procurador accedera á execución, pero volveriamos ao mesmo problema: non é unha cuestión técnica, senón novamente emocional, porque hai que atallar como compatibilizar iso co labor dos Letrados de Administración de Xustiza, que se verían invadidos. E a propia estrutura dos despachos dos procuradores seguramente tamén tería que cambiar, de despachos personais a sociedades profesionais.
Algunha mensaxe ou consello para quen seguen en activo?
Primeiro, un desexo: que sexan felices. E a miña única mensaxe, que é unha máxima para min dende o primeiro día que o lin e que me intentei aplicar sempre: ser inconformista coas palabras para, co tempo, ser inconformista cos feitos.
O que admiro deste Colexio é o bo ambiente, a colaboración entre todos os profesionais. E non sei se será verdade ou non, pero penso que é unha república de soñadores, que cremos, e eu tamén o creo, que o cansazo non é unha opción. Penso que debemos seguir adiante crendo que é posible crear unha sociedade mellor e que, como procuradores, temos unha función moi importante nela dentro do ámbito da Administración de Xustiza.
Fotografía: Punto GA-M.Riopa.