18 maio 2018.O Colexio de Procuradores de Vigo anunciou onte a posta en marcha dun colexio virtual, que permitirá aos procuradores vigueses mellorar a interacción entre os profesionais do colectivo, mellorar a práctica da procura en Vigo e axilizar a xustiza. A nova xunta directiva, que tomou posesión o 23 de marzo, tamén porá en marcha actividades de formación, debates, conferencias e cine-fórum para avanzar na modernización da profesión do procurador e o seu papel ante os usuarios da administración xudicial.
“Estamos ante unha nova etapa para a procura de Vigo. Os tempos cambiaron e nós debemos facelo tamén. Temos a ilusión de que comeza un novo camiño e queremos percorrelo con todos vós”, subliñou onte á noite o novo decano do Colexio de Procuradores de Vigo, José Antonio Fandiño, na cea anual con colexiados e colegas da profesión.
O Ilustre Colexio de Procuradores de Vigo constituiuse hai 69 anos, o 12 de abril de 1949. Hoxe reúne a 156 colegiados, dos que un 70{15e6bc4968017d62f91acdf796e012a9c5b107b3beed7450b56346b9e294258f} son mulleres. A nova xunta directiva tamén está integrada nas súas dúas terceiras partes por procuradoras.
O novo colexio virtual cobrará forma a través dunha nova web e aplicacións informáticas, que permitirán a todos os colexiados estar ao día das novidades da profesión, realizar propostas e debates sobre as melloras para axilizar os xuízos, tramitacións e execucións.
A cea anual do Colexio de Procuradores de Vigo celebrouse onte á noite nos salóns do Real Club Náutico de Vigo, coa asistencia de máis de 110 profesionais, entre os que se incluiron o letrado cordinador dos Letrados da Administración de Xustiza de Pontevedra, o decano do Colexio de Procuradores de Ourense e directivas da nova Asociación de Procuradores de España que impulsa unha gran renovación da profesión en todo o país. No acto, os procuradores recoñeceron os 25 anos dedicados á profesión de tres dos seus membros, Javier Varela González, María Victoria Barros Estévez e Silvia Domínguez Domínguez. Manuel Castells López, decano do Colexio de Procuradores ata o pasado abril, recibiu o recoñecemento ao seu labor á fronte do colectivo durante os últimos 8 anos.