17.06.2024. O único xulgado do Mercantil que opera en Vigo resolve un 167% máis de casos que a media dos outros 7 xulgados mercantís que operan en Galicia e converténdose nun dos xulgados mercantís de España con maior axilidade. Un estudo elaborado polo Colexio de Procuradores de Vigo revela que en 2023 a sala viguesa resolveu 600 asuntos (máis de dous diarios) fronte aos 359 asuntos resoltos de media nos outros 7 xulgados mercantís de Galicia (3 da Coruña, 2 de Pontevedra, 1 de Lugo e 1 de Ourense).
O informe do Colexio de Procuradores de Vigo indica que a maior cidade galega e a que conta cun maior número de empresas está claramente infradotada cun só xulgado do Mercantil.No último exercicio o Mercantil de Vigo (denominado Pontevedra 3) ingresou 776 novos casos (fronte aos 423 do resto dos mercantís galegos) e incrementou nun 30% os novos casos en dez anos.
A infradotación xerou un atasco récord no Mercantil vigués, con 643 asuntos pendentes, case o dobre de atasco que o resto dos xulgados de Galicia (357 casos pendentes). “O atasco está causado pola infradotación que está colapsando un xulgado que conta cunha xuíza dilixente á que non se lle pode pedir máis”, destaca José Antonio Fandiño, decano dos procuradores de Vigo.
A solución provisional aceptada hai uns días polo Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) é a de repartir algúns casos de Vigo cos outros xulgados residenciados na cidade de Pontevedra. O Colexio de Procuradores de Vigo considera que a decisión “aliviará a xuíza que dirixe o Mercantil de Vigo e reducirá o atasco, pero non é unha solución estrutural que elimine o problema definitivamente”.
O Colexio de Procuradores de Vigo considera que a Administración debe aportar unha solución estrutural e investir na creación de polo menos unha nova sala do Mercantil de Vigo, “para que a maior cidade galega e a que máis asuntos mercantís despacha nun só xulgado equipare o seu servizo xudicial coas demais”, explica o decano.
Fandiño salienta a “función fundamental e o encomiable traballo da xuíza, Amelia María Pérez Mosteiro, e o funcionariado do xulgado”, a quen atribúe que o xulgado do Mercantil sexa o que máis resolve de Galicia, “a pesar da sobrecarga á que se enfrontan”.
Récord de atasco
O atasco do xulgado do Mercantil de Vigo representa o 20% dos casos pendentes en Galicia e o 43% de toda a provincia de Pontevedra. O mercantil de Vigo supera nun 80% os casos pendentes que ten, de media, o conxunto dos oito órganos galegos do mercantil (357).
O Colexio de Procuradores de Vigo sinala que “é unha solución fácil de entender que a maior cidade de Galicia, a de maior número de empresas e a que máis casos mercantís xera, poida dispoñer dun xulgado máis”.
O Colexio de Procuradores de Vigo é o órgano de colexiación das 137 procuradoras e procuradores que operan nos xulgados do Porriño, Ponteareas, Redondela, Tui e Vigo.
O estudo está dispoñible na web do Colexio de Procuradores de Vigo.
Fotografía: Punto GA – M. Riopa.