16.04.2024. O Tribunal Supremo ven de anular a regulación dos aranceis dos profesionais da procura en todo o Estado, establecidos polo Real Decreto (RD) 307/2022 que o Goberno de España aprobara a instancia do Ministerio de Xustiza. O Alto Tribunal responde así ao recurso interposto por unha vintena de colexios profesionais de toda España, entre os que se inclúe o Colexio de Procuradores de Vigo.
Ante a aprobación do RD, varios colexios decidiron presentar un recurso contencioso-administrativo ao considerar que a norma repercutía negativamente nas condicións da profesión, ao eliminar o tope mínimo de retribucións.
Os profesionais tamén daban conta de que os seus honorarios permanecían conxelados e sen actualizacións dende principios dos noventa, unha situación que se mantén na actualidade, mentres que a inflación se incrementou arredor do 80%.
A recente sentenza do Supremo retrotrae a regulación dos aranceis das procuradoras e os procuradores ao RD anterior, de 2003, que si establecía límites mínimos nas retribucións profesionais. O Alto Tribunal considera que o RD de 2022 omitía a análise real do impacto económico, ao pasar dun “sistema de intervención de prezos” a outro “completamente diferente (intervención mediante prezos máximos), sen ‘chan’ ningún”.
O Colexio de Procuradores de Vigo considera a anulación unha nova positiva que responde ás reivindicacións da profesión, e pon o acento na necesidade dunha nova regulación que actualice a desfasada norma de hai vinte e un anos e aplique subas aos honorarios profesionais conforme ao aumento do custo da vida.
O Colexio lembra a importancia do traballo dos profesionais da procura na calidade e a axilización da Xustiza en Galicia e no resto de España e solicita a mellora de condicións da profesión e o aumento de competencias para contribuír á mellora do sector e ofrecerlle un mellor servizo á poboación.
Fotografía: Punto GA – M. Riopa.