02.04.2019. Os procuradores e procuradoras recibirán formación para o tratamento de casos de violencia de xénero. A iniciativa nace do Consello Galego de Procuradores para que todos os profesionais da procura de Galicia teñan a oportunidade de formarse da mán da Secretaría Xeral de Igualdade, con quen firmarán un convenio de colaboración e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que se encargará da formación dos profesionais. Esta é unha das tres propostas para a formación dos profesionais que o colexio de procuradores vigués presentou a sus colegiados durante a súa última Xunta Xeral Ordinaria. A posta en marcha dos cursos está pendente da firma do convenio co ente público.
Nos próximos meses, o colexio vigués organizará ademais dúas xornadas informativas sobre o portal de subastas promovido polo Consello Xeral de Procuradores e o desenvolvemento de actos de comunicación dentro da súa aposta pola actualización constante da formación dos profesionais.
Durante a xunta xeral, o colectivo de procuradores aprobou ademais as contas que determinarán a súa actividade durante o ano 2019.