08.08.2023. O Colexio de Procuradores de Vigo vén de asinar un convenio de colaboración académica coa Universidade de Vigo (UVigo) e o Colexio da Avogacía de Vigo para impartir, a partir do curso 2023-2024, as ensinanzas do Máster en Avogacía e Procuradoría na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. O respaldo do Colexio de Procuradores reforza a formación e inclúe o asesoramento profesional de expertos procuradores na comisión académica.
O prazo de preinscrición ao Máster previo á matrícula permanecerá aberto dende o vindeiro día 25 ata o 30 de agosto, e o prazo de matrícula, do 15 ao 19 de setembro.
O convenio vén de ser asinado polo decano do Colexio de Procuradores de Vigo, José Antonio Fandiño, a decana do Colexio da Avogacía de Vigo, Lourdes Carballo, e o reitor da Universidade, Manuel Joaquín Reigosa. O acordo outorga titulación universitaria oficial a todos os novos procuradores e será imprescindible para o acceso ao exercicio profesional de procuradores e avogados.
Dous representantes do Colexio de Procuradores de Vigo –o decano e un vogal, que exercerá de vicecoordinador profesional–, formarán parte da comisión académica do Máster en Avogacía e Procuradoría. Tamén integrarán o Máster tres representantes do Colexio da Avogacía de Vigo –a decana e dous vogais, un deles, en calidade de coordinador profesional–.
“Para o Colexio de Procuradores de Vigo é unha honra colaborar na formación do futuro da Xustiza. Darlles aos futuros profesionais da procura e a avogacía as mellores ferramentas para o acceso á profesión é fundamental para que procuradores e avogados continúen a ser piares para un sistema xudicial da máxima calidade”, sinalou o decano do Colexio, José Antonio Fandiño.
O Máster en Avogacía e Procuradoría estará baixo a coordinación académica do profesor titular de Dereito Procesal da UVigo Pablo Grande Seara. A formación será de modalidade presencial, nas aulas da Facultade, aínda que tamén poderá impartirse nas sedes dos colexios de Procuradores e da Avogacía de Vigo.
O Máster en Avogacía e Procuradoría da Universidade de Vigo impartirase nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra, coa colaboración baixo convenio dos Colexios da Avogacía e dos Colexios de Procuradores das tres cidades.
O Colexio de Procuradores de Vigo está formado polos 143 procuradores colexiados dos partidos xudiciais de Vigo, O Porriño, Ponteareas, Redondela e Tui.