28.10.2024. A candidatura de Procura el cambio vén de ser elixida como a nova maioría no consello directivo do Consejo General de Procuradores de España (CGPE), tras as eleccións celebradas o venres 25 de outubro. A nova executiva do máximo órgano de representación dos procuradores españois queda integrada por 4 representantes de Procura el cambio, 1 candidato de Ilusión por la procura e 1 candidato independente. A candidatura gañadora estivo impulsada e apoiada polo decano do Colexio de Procuradores de Vigo.
O novo presidente, o ex decano de Ourense Ricardo Garrido, encabeza a nova directiva tras empatar a 31 votos co candidato Javier Sánchez (decano da Coruña) e quedar elixido por levar máis anos como conselleiro.
O decano de Vigo, José Antonio Fandiño, obtivo tamén 31 votos de outras decanas e decanos españois, aínda que queda fóra da executiva fronte aos 32 votos conseguidos polo decano de Cádiz, Óscar Alonso García, que será o novo vicetesoureiro. O decano de Santiago de Compostela, Fernando González Concheiro, foi elixido vicepresidente (por 34 votos fronte a 29).
O resto da executiva queda integrada polo decano de Madrid, Alberto García Barrenechea, como secretario; María Granizo (Madrid), que repite como tesoureira; e Javier Segura (decano de Barcelona), vicesecretario.
As eleccións convocaron ao voto ás 67 decanas e decanos de España, que representan os 9.400 procuradores colexiados. Trátase da primeira vez que hai eleccións e se produce un cambio na presidencia, tras os 23 anos de goberno ininterrompido do ata agora presidente do CGPE, Juan Carlos Estévez (Madrid).
O novo presiente, Ricardo Garrido, anunciou tras a súa elección a próxima reforma do regulamento e estatutos do CGPE, para convocar novas eleccións que permitan presentarse a calquera decana ou decano, sen necesidade de acreditar polo menos 8 anos no cargo.
«Hai moitos compañeiros perfectamente capacitados para que, unha vez realizada a reforma do regulamento interno, isto sexa posible. A miña función será a de servir de ponte e mediador da nova executiva, para devolverlle o prestixio que corresponde», explicou o presidente electo do CGPE.
Procura el cambio inclúe no seu programa, ademais da democratización do CGPE, converter o organismo nunha axencia de servizos para todos os colexiados e iniciar un proceso de negociacións para elevar o nivel de competencias que garanta os ingresos dos profesionais e axilice a Xustiza.
Novo comité executivo do CGPE
Presidente: Ricardo Garrido Rodríguez (Ourense)
Vicepresidente: Fernando González-Concheiro Álvarez (Santiago de Compostela)
Secretario: Alberto García Barrenechea (Madrid)
Tesoureira: María Granizo Palomeque (Madrid)
Vicesecretario: Javier Segura Zariquiey (Barcelona)
Vicetesoureiro: Óscar Alonso García (Cádiz)