Neste momento estás a ver O colexio recoñece aos procuradores que cumpren 25 e 26 anos de profesión

O colexio recoñece aos procuradores que cumpren 25 e 26 anos de profesión

  • Categoría da entrada:Novas

Recoñecemento do colexio aos  procuradores que cumpren 25 e 26 anos de profesión.            Foto: PuntoGA/M.Riopa

 

29.11.2021. O Colexio de Procuradores de Vigo recoñeceu aos seus profesionais máis veteranos nun brinde celebrado o pasado venres. O decano dos procuradores vigueses, José Antonio Fandiño, entregou distintivos aos colexiados de 25 e 26 anos, xa que o ano pasado non se puido celebrar ningunha reunión pola pandemia.

Volvendo ao seu costume de reunirse unha vez ao ano, o brinde pola procura coincidiu nesta ocasión coa época de Nadal, polo que os procuradores aproveitaron para facer un breve balance dos dous últimos anos. Destacaron que, aínda nos peores momentos marcados pola paralización da actividade xudicial, seguiron reivindicando o seu labor como figuras fundamentais no ámbito xudicial e traballando pola axilidade da Xustiza en canto se puido retomar a súa actividade.

O decano lembrou que 2021 foi o ano de Celso Emilio Ferreiro, tras o descubrimento do expediente inédito do escritor como procurador nos xulgados de Vigo. Nos próximos meses entregarase aos seus herdeiros un recoñecemento a Celos Emilio Ferreiro como procurador honorario, a título póstumo.

No encontro recoñeceuse a traxectoria profesional dos procuradores en activo no colexio desde hai 25 e 26 anos. Gisela Álvarez, José Ramón Curbera, Rosa de Lis Fernández, María José Lorenzo, Olga Mosquera, Purificación Rodríguez e María José Toro recibiron un distintivo conmemorativo. O procurador Juan José Muíños Torrado foi recoñecido polos seus 40 anos dedicados ao exercicio da procura no ano da súa xubilación da profesión.

Durante a celebración fíxose entrega de diplomas e distintivos aos cinco mutualistas que levaban 35 anos na Mutualidade de Procuradores: Ricardo Estévez Cernadas, Andrés Gallego Martín-Esperanza, Carmen Molist García, Jaime Pérez Alfaya e Luis César Torres Goberna. A entrega de recoñecementos  pechouse cos mutualistas de 25 anos: Gisela Álvarez, Juan Carlos Álvarez Vázquez, José Ramón Curbera, Rosa de Lis Fernández, María José Lorenzo, Olga Mosquera e María José Toro.