20.03.2024. O número de asuntos en trámite nos xulgados de Vigo, O Porriño, Ponteareas, Redondela e Tui ascendeu a 25.130 ao peche de 2023, unha diminución dun 2,6% de casos pendentes con respecto ao ano anterior. A redución do atasco na área xudicial vén motivada pola diminución dun 9,2% dos asuntos pendentes de resolución nos xulgados da cidade de Vigo, con 1.877 casos menos, mentres que no resto dos municipios a conxestión nos órganos xudiciais medra.
O Porriño é o partido xudicial no que máis se incrementou o atasco nun ano, un 29,6%, ata os 2.764 casos. Ségueno Tui, cun 14,2% máis, ata os 1.933 asuntos pendentes, Ponteareas, un 11% (1.905 casos máis), e finalmente Redondela, cun aumento da conxestión dun 4,6% (1.613 casos máis).
A área de Vigo sitúase, así, moi por debaixo da media de atasco de Galicia, onde os asuntos pendentes se incrementaron un 17,4% entre 2022 e 2023 e un 26,6% dende 2018.
No último lustro (2018-2023), os asuntos en trámite nos xulgados da área xudicial viguesa reducíronse nun 0,5%, dos 27.264 aos 27.130 asuntos pendentes na actualidade.
A influencia de Redondela e Vigo, cun 13,9% e un 7,1% menos de atasco, respectivamente, contribuíu ao alivio da conxestión, mentres que en Ponteareas (+47,6%), Tui (+28,7%) e O Porriño (+19,8%) o atasco incrementouse nos últimos 5 anos.
7 notificacións e escritos por caso
Cada profesional da procura da área xudicial de Vigo emite, de media, 7 notificacións e escritos por cada caso. É a relación entre o número total de notificacións trasladadas e os escritos elaborados en 2023 entre o total de asuntos resoltos e en trámite.
Ao longo de 2023, as procuradoras e procuradores do Porriño, Ponteareas, Redondela, Tui e Vigo xestionaron unha media de 4.210 operacións cada un. Foron, en total, 509.946 notificacións e 96.273 escritos emitidos polos 144 profesionais da área xudicial de Vigo que constan no censo do Consejo General de Procuradores de España.
Fotografía: Punto GA – M. Riopa.