05.12.2019. Belén Liste Lazara, subdirectora Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, participou a pasada semana nas xornadas de formación en materia de igualdade e violencia de xénero dos procuradores e procuradoras de Vigo. “A formación en violencia de xénero é un dos piares básicos do bo funcionamento da Xustiza e dos servicios e recursos a disposición das mulleres en situación de violencia de xénero”, sinala Liste.
Cómo afecta a formación ao funcionamento dos protocolos de atención ás vítimas de violencia de xénero?
A formación en violencia de xénero é un dos piares básicos do bo funcionamento da Xustiza e dos servicios e recursos a disposición das mulleres en situación de violencia de xénero. A Xunta de Galicia é a única administración autonómica en España pioneira na publicación dun decreto de formación que implementamos dende 2017 para todos os empregados e empregadas públicas, colocándoa ao nivel de outras formacións transversais fundamentais como a lingua galega ou a prevención de riscos laborais.
Que papel xogan os procuradores no proceso que percorren nos xulgados as vítimas de violencia de xénero?
As mulleres que van presentar unha denuncia atopan nos procuradores e avogados unha figura fundamental para ter un relato o máis completo e coherente posible e que permita que a súa declaración teña todos os elementos fundamentais para que o xuíz ou á xuiza poida dictar unha medida de protección.
Cales son eses recursos dispoñibles en Galicia para o tratamento da violencia de xénero?
Toda a rede de información ás mulleres, os servizos de acollida, existen recursos ecónomicos que poden solicitar e tamén axudas específicas para vítimas de violencia sexual, ou para menores que quedaron orfos por esta causa. Ademais dende a aprobación do pacto de Estado, as oficinas galegas de atención á violencia de xénero contan con psicólogas e traballadoras sociais.
Hai algunha nova ferramenta proxectada para este ano que entra?
Imos poñer en marcha un programa pioneiro no tratamento de agresores menores de 18 anos. Cada vez hai máis medidas dictadas contra menores. De cara á integración das vítimas, vaise dotar tamén aos concellos con financiación para a integración de mulleres vítimas de violencia de xénero. Ademáis de manter os recursos que temos en marcha, aumentar a prevención no ámbito da violencia sexual en grandes eventos, mellorar a coordinación entre todas as administracións involucradas e evitar que as mulleres repitan unha e outra vez o mesmo relato.
As denuncias recibidas en Galicia descenderon un 6,9% con 1.607 denuncias presentadas no segundo trimestre de 2019 segundo o Consello Xeral do poder Xudicial. Cómo valoras estas cifras?
A fluctuación non é significativa, a tendencia xeral é ascendente. O incremento sempre é un dato positivo no sentido de que campañas de información e sensibilización conseguen chegar ás mulleres e elas dan este paso.
Dende 2005, ano no que nace a subdirección para o tratamento da violencia de enero, canto avanzamos?
Son positiva. Seguimos tendo vítimas mortais, pero 14 anos é un tempo moi curto históricamente. O que precisamos é que as medidas que puxemos en marcha neste 2019 e anteriormente, non estén suxeitas aos 5 anos que dura o pacto de estado, senón que veñan para quedarse, e que a violencia de xénero siga estando presente nas axendas políticas do goberno galego.