10.12.2019. Pablo Prieto Esturillo leva casi unha década coma procurador. Tras uns inicios complexos nos que estivo casi 4 meses sen recibir un só asunto, agora divide a súa actividade entre os tribunais de Vigo e Ponteareas fundamentalmente e destaca o bo posicionamiento online coma unha ferramenta importante para captar clientes. “Aparecer na primeira páxina de Google da procura en Ponteareas axuda a captar clientes e estar localizable para letrados de fora. Ás veces incluso serve para que ocorra coma nos vellos tempos: o cliente contrata ao procurador e nós axudámoslle a atopar avogado”, explica.
Na práctica diaria da procura, inclínase máis polos casos civís ou mercantís, pero recoñece que non se pode discriminar ningún tipo de caso. “A procura non é unha profesión coñecida e a folga ensinounos que é máis perigosa do que pensabamos. Se non hai actividade nos xulgados, podes quedarte a cero”, conta.
Acostumado a traballar entre varios tribunais, o procurador sinala a rapidez dos xulgados vigueses respecto ao resto da área metropolitana, aínda que ve na execución de casos un dos seus puntos débiles.
“Ao principio tiña dúbidas sobre converternos en axentes de execución, pero agora creo que sería unha marabilla. Se a execución non se move, a parte queda sen cobrar. Así sería máis rápido. Agora pode ocurrer que pidas unha averiguación de bens e descubras que unha conta bancaria tiña cartos hai tres meses cando se presentou o escrito, pero que como non se trabou nese momento, non foi posible embargalo”, reflexiona Prieto.
Á hora de falar de melloras, o procurador non só propón melloras no funcionamento da administración, senón tamén nos propios colexios profesionais. “Lexnet é un sistema informático e un medio de traballo fundamental para nós. No colexio precisaríamos contar con profesionais de perfil informático que nos axuden cando algo falla, así coma un sistema de certificación das notificacións. Se falla, precisamos ter garantías”, demanda.