07.03.2024. As mulleres procuradoras representan na actualidade o 68% da profesión en Galicia, sendo a procuradoría unha das profesións máis feminizadas da Comunidade e a máis feminizada das principais figuras da carreira xurídica, por riba das fiscais (64%), as xuízas (61%) e as avogadas (49%).
As procuradoras galegas son hoxe 4 puntos máis que hai unha década, cando representaban o 64% da profesión. Malia a perda xeral de profesionais da procuradoría en Galicia nos últimos 10 anos (-6%), o número de procuradoras exercentes inscritas nos seis colexios profesionais da Comunidade mantense en 460, fronte ao descenso de procuradores homes, de 256 a 213 nunha década.
Vigo é o colexio no que constan máis procuradoras exercentes sobre o total de profesionais, un 74%, seguido de Lugo (69%), Ourense (68%), Santiago de Compostela (67%), Pontevedra (66%) e A Coruña (66%).