15 decembro 2020. O Colexio de Procuradores de Vigo vén de nomear a Celso Emilio Ferreiro como colexiado de honra pola súa figura polifacética como procurador e poeta e a súa aportación á literatura galega.
O recoñecemento prodúcese por decisión da xunta xeral dos procuradores vigueses que o apoiaron de xeito unánime co obxectivo de por en valor a figura do escritor que exerceu como procurador en Vigo entre 1950 e 1966. O nomeamento prodúcese despois da descuberta por parte do Colexio de Procuradores de Vigo de máis de medio cento de documentos que desvelan a actividade de Celso Emilio Ferreiro como profesional da procura.
O achado fai referencia á vida profesional de Celso Emilio Ferreiro e inclúe rexistros da súa actividade como procurador, numerosa correspondencia e incluso unha carta inédita do poeta que constata a súa marcha ao exilio latinoamericano. Os dezaseis anos de exercicio de Celso Emilio Ferreiro como procurador son un periodo trascendental na súa vida e obra, coa publicación de dous dos seus poemarios máis coñecidos: O soño sulagado (Vigo, 1955) e Longa noite de pedra (Vigo, 1962).
A iniciativa Celso Emilio Ferreiro, procurador posta en marcha polos procuradores vigueses tras o achado do arquivo inédito que permaneceu 70 anos no descoñecemento inclúe a cesión dos materiais descubertos á fundación Celso Emilio Ferreiro para o seu arquivo e análise.
Durante o ano 2021, o Colexio de Procuradores de Vigo desenvolverá unha serie de actividades para por en valor a figura de Celso Emilio Ferreiro e a súa faceta como profesional da procura. A primera destas iniciativas é a edición limitada dunha postal de Nadal que conmemora o 70ª aniversario da incorporación de Celso Emilio Ferreiro como procurador (1950 – 2020). O poeta foi o colexiado número 18 do colectivo, nunha época na que o Colexio estaba formado só por unha vintena de profesionais.
Esta semana celebrouse tamén a xunta xeral ordinaria na que o colectivo aprobou o seu presuposto para o ano 2021 e na que os procuradores reflexionaron sobre a súa actividade en 2020, marcada pola caída da actividade xudicial durante a primaveira cunha baixada das notificacións de ata o 76%.