09.10.2026. A nova vicedecana do Colexio da Procura de Vigo, Cristina del Río (A Coruña, 1978), afronta esta etapa coa vontade de seguir traballando polas colexiadas e colexiados e pola reivindicación histórica da profesión: o acceso ás competencias de execución. “Para a procura, poder acceder ao punto neutro xudicial é fundamental porque nos permitiría unha actuación máis directa”, sinala, ao tempo que salienta o traballo conxunto que suporía entre a procura e os letrados de Administración de Xustiza (LAX): “O que faríamos sería avanzar un traballo que os LAX van continuar para resolver o asunto en días, e non en meses”, explica. Del Río é procuradora dende 2013 e colexiada de Vigo dende 2018.
Con que obxectivos afrontas esta nova responsabilidade como vicedecana?
Comezo esta etapa seguindo a liña iniciada polo decano, José Antonio Fandiño, coa vantaxe de que pertencemos a xeracións distintas e vivimos etapas diferentes da profesión, que cambiou moito nestes anos. Iso favorece o mandato, dámonos ideas mutuamente e aportamos perspectivas distintas. Sempre nos complementamos, coa súa experiencia de máis de 40 anos e coas ideas que temos as que nos incorporamos á procura máis recentemente.
A procura desenvolve boa parte do seu traballo lonxe dos focos, pero resulta esencial para o funcionamento diario dos xulgados. Que papel desempeña a procura para contribuír a unha Xustiza máis áxil e eficiente?
A procura é fundamental para a xente que acode aos xulgados. Por iso considero moi importante que nos poñan cara e vexan como traballamos. Somos unha figura de apoio que orienta as persoas, dicímoslles quen é quen e aclaramos as súas dúbidas, avisámolas sobre os prazos e os procedementos a levar a cabo, dicímoslles en que punto está o seu proceso, etc. Sempre chega un momento no que precisan falar con alguén e aí estamos as procuradoras e os procuradores para resolver as súas cuestións. Escoitamos moito frases como “Como vai o meu? Xa se emprazou ao demandado? Xa se notificou? Cando temos o xuízo?” e sabemos darlles resposta. Adoita haber moita conexión entre procura e cidadanía, ou eu, polo menos, intento que esa conexión exista.
Como contribuídes a axilizar os trámites e facelos máis eficientes?
Estamos ao día de todas as cuestións cotiás que afectan á cidadanía nos xulgados, como os temas de familia, os gastos hipotecarios ou as tarxetas revolving. Tenme chamado algunha clienta para consultar sobre algún cargo nese tipo de tarxeta ou porque lle chegou unha notificación de embargo e eu póñome inmediatamente en contacto coa avogada ou avogado ou consulto onde ten que acudir. Ao final é como un xogo de catro: os profesionais da procura e da avogacía, a clienta ou cliente e o xulgado. Como procuradores intentamos vertebrar esa comunicación para que ninguén teña que esperar por ninguén e ao intervir desta maneira axilizamos o proceso. Cando os clientes ven o que facemos e como resolvemos as cuestións comezan a chamar con frecuencia.
Cales consideras que son os principais retos da profesión?
Penso que agora mesmo o principal reto é a última reforma da Xustiza, coa introdución do tribunal de instancia e as oficinas xudiciais. Estamos intentando adaptarnos a unha lei que pode que sexa boa –de feito, hai algúns letrados que así o consideran–, pero estase a introducir unha iniciativa moderna a unha forma de traballar antiga. O reto é intentar que todo encaixe, e que encaixe ben, que tanto o xulgado como os operadores da Xustiza poidamos saber onde están os procedementos, e penso que aí temos moitas reunións que manter aínda co secretario coordinador e cos decanos dos diferentes xulgados. Porque hai que ter en conta que non é o mesmo un xulgado como o de Redondela ou o de Ponteareas, que son máis pequenos, que un como o de Vigo, con dezaoito plantas e onde pode levar media hora saber onde está un expediente. Quédanos traballo por facer entre o Colexio e o tribunal.
A nova xunta de goberno do Colexio vén de iniciar o seu mandato de catro anos. Cales son as principais liñas de traballo?
Imos continuar coa defensa dunha procura ben levada e velando por unhas contas saneadas. Eu creo que cando as cousas van ben, como é o caso, o obxectivo é mantelas ben e ir resolvendo os problemas que xorden no día a día, que non son moitos porque somos un Colexio estable nese aspecto. Seguiremos afondando en atender as necesidades de todos os compañeiros e compañeiras nas cinco sedes porque o Colexio está para axudar aos colexiados.
Unha das reivindicacións históricas da procura é a ampliación das competencias. Que funcións poderíades asumir e que beneficios tería esa ampliación?
Existe unha loita histórica da procura na cuestión das competencias de execución, sobre todo no caso de Vigo. Para a procura, poder acceder ao punto neutro xudicial é fundamental porque nos permitiría unha actuación máis directa. Falamos de poder acceder sen ter que agardar a que se nos provea dun escrito de pescuda patrimonial que nos chega con meses de retraso. Non se trata de suplantar a ninguén, hai execucións en cuestións do día a día como as herdanzas e as pescudas patrimoniais que levan anos apancadas e nós poderíamos contribuír a axilizalas. Podo entender que outros profesionais teñan as súas reservas, como no caso dos LAX, pero todo suma: o que faríamos dende a procura sería elaborar un escrito en cuestión de horas e avanzar un traballo que os LAX van continuar para resolver o asunto en días, e non en meses. Tamén comprendo que falamos de acceder a datos sensibles, pero iso é algo que se pode abordar con sistemas de seguridade.
Unha mensaxe que queiras trasladar como vicedecana para os próximos 4 anos?
Só unha moi sinxela: vou intentar dar todo o mellor de min traballando man a man co equipo da xunta de goberno.
Na imaxe, Cristina del Río na Cidade da Xustiza de Vigo. Fotografía: Punto GA | M. Riopa.
