Neste momento estás a ver “Esta profesión deume amigas, case irmás, que me acompañan na vida”
VIGO, 161121. PURI RODRIGUEZ, PROCURADOR.

“Esta profesión deume amigas, case irmás, que me acompañan na vida”

  • Categoría da entrada:Novas

02/02/2022. Purificación Rodríguez naceu en Vigo o 29 de outubro e colexiouse como procuradora  en 1996, polo que leva algo máis de 25 anos na profesión. O que máis lle gusta da procura é o dinamismo e o que menos, a escravitude que supón o movemento continuo. Pero encántalle o que fai e resume a súa traxectoria nunha frase que reúne aspectos profesionais e persoais: “Esta profesión deume moito: bo trato con compañeiros que sempre axudan e amigas, case irmás, que me acompañan na miña vida  e fan o camiño máis doado”, di a procuradora.

Por que comezaches a traballar como procuradora?

Pola miña forma de ser entendín que me encaixaba mellor con esta profesión que coa de avogado. Son unha persoa inqueda, á que lle gusta estar en movemento e esta profesión,  outra cousa non che dará, pero axilidade mental, rapidez de resposta e movemento sí que o garante.

Como evolucionou a contratación ao longo dos anos?

Os cambios foron moito e a nosa actividade non ten nada que ver co que facíamos antes. A eliminación da territorialidade obrigounos a trasladarnos a outros partidos xudiciais para traballar. A propia inercia da oficina, aínda que non queiras, obrígache co paso do tempo a realizar trámites fóra da túa casa. Cando empecei só facía trámites en Vigo e hoxe témolos en practicamente todos os xulgados da provincia, na Coruña e en Madrid.

A dixitalización da Xustiza levounos a adquirir uns coñecementos informáticos que, polo menos para min, eran incomprensibles e que agora manexo actualmente sen dificultade. Hai 20 anos dixéronme que ía unir pdfs, transformalos en OCR ou facer un zip e bótome as mans na cabeza

E como ves o futuro da profesión?

Vexo un futuro algo complicado. Non sei onde imos ir. Cada vez se nos esixe máis. Somos un grupo afeito a levantarnos e a rexurdir pero as cousas son difíciles.

Que é o que máis che gusta de ser  procuradora? E que menos?

O que máis me gusta é o dinámico que é a profesión, non te podes durmir porque estarías fóra de xogo. Se tivese que estar na oficina atascado mañá e tarde, morrería.

O que menos me gusta é a escravitude que supón este mesmo movemento. Cada avogado co que traballas é un xefe que pide cousas; o cliente, outro; e o funcionario, outro. Isto obrígache a estar activo os 365 días do ano e as 24 horas do día e, ás veces, a túa familia non o entende e só podes falar diso con outro procurador

Que significan para ti 25 anos na profesión?

Esta profesión deume moito. Teño que agradecerlle o bo trato de todos os meus compañeiros, sempre axudámonos no posible. E tamén me deu unhas amigas, case irmás, que me acompañan na miña vida e que me facilitan o camiño.

 A Covid segue afectando o día a día xudicial?

A Covid foi a escusa para pechar os xulgados e impedirnos acceder a eles. Chegamos ao despropósito de que dependendo de onde vaias podes entrar ou non. En penal vas á mesa do funcionario e en civil hai que chamar por teléfono para que te abran. Nalgún partido xudicial tes que tocar un timbre para que saian a axudarte. A atención ao cidadán é inexistente e a do profesional é a mesma. Non entendo como hai que pedir unha cita a través dun código QR ou dunha páxina web para pedir un certificado de vida ou unha certificación, por exemplo, e que despois os funcionarios vaian tomar un café xuntos e charlar e abrazar aos seus amigos. A normalidade non se recuperou nin creo que se recupere nunca.

Como desfrutas do teu tempo libre?

Non teño moito tempo libre pero no pouco que teño gústame facer exercicio e tomar unha cervexa cos amigos para restablecer o disco duro.