Neste momento estás a ver 39 alumnos inician o curso do Máster en Avogacía e Procuradoría da UVigo

39 alumnos inician o curso do Máster en Avogacía e Procuradoría da UVigo

  • Categoría da entrada:Novas

17.10.2023. Un total de 39 estudantes da Universidade de Vigo (UVigo) cursarán este ano 2023-2024 o Máster en Avogacía e Procuradoría, que se inaugurou este luns en colaboración co Colexio de Procuradores de Vigo e o Colexio da Avogacía de Vigo na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.

O decano do Colexio de Procuradores, José Antonio Fandiño, salientou ante o alumnado e o cadro docente a importancia dos profesionais da procura e a necesidade de que se incrementen as súas competencias para impulsar unha mellor calidade da Xustiza.

“Os procuradores temos que empeñarnos en facer moita pedagoxía para que a sociedade entenda o noso papel e o aproveite para o que é o gran desafío do século XXI: axilizar a Xustiza”, sinalou Fandiño no acto de inauguración da I edición do mestrado, que vén substituír o anterior Máster en Avogacía, que se impartía ata o curso pasado.

José Antonio Fandiño destacou tamén o papel fundamental das mulleres na profesión nos nosos días. “Digo procuradores cando debería ter dito procuradoras, porque hoxe a maioría das nosas colexiadas e o 82% da nosa xunta directiva son mulleres. A procuradora, o procurador do século XXI, debe gañar competencias para acabar co problema estrutural do atasco, porque a Xustiza que chega tarde non é Xustiza”, concluíu o decano do Colexio de Procuradores de Vigo.

O Máster en Avogacía e Procuradoría da UVigo impartirase nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra, coa colaboración baixo convenio dos Colexios de Procuradores e da Avogacía das tres cidades galegas. A duración é de tres cuadrimestres –un curso e medio–. Os dous primeiros serán de formación presencial na aula e o último de prácticas externas en despachos de profesionais da procura e a avogacía e de elaboración do Traballo de Fin de Máster.