Neste momento estás a ver Fandiño: “A conxestión en Civil é un 142% superior a hai 10 anos”

Fandiño: “A conxestión en Civil é un 142% superior a hai 10 anos”

  • Categoría da entrada:Novas

02.12.2025. O decano do Colexio da Procura de Vigo, José Antonio Fandiño, participou nas IX Xornadas sobre Cuestións Prácticas de Dereito Procesal Civil en Vigo, onde alertou sobre o aumento dos asuntos en trámite nesta área en Vigo e Galicia na última década.

“A 30 de xuño de 2025 había 218.671 asuntos en trámite nos xulgados e tribunais de Galicia. Máis da metade de esos casos son da xurisdición civil. A conxestión no civil de Galicia é un 142% superior a hai dez anos”, sinalou Fandiño a partir dos datos do primeiro semestre do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ).

No caso de Vigo, os asuntos no ámbito civil ascenderon a 16.294 casos pendentes ao peche de xuño, tamén un 142% máis que no mesmo período de 2017 (último ano dispoñible en aberto na estatística do CGPJ).

Destacando a importancia do dereito procesal Civil, que Fandiño describiu como “unha ferramenta cotiá para a cidadanía”, o decano puxo en valor unha vez máis o papel da procura para axilizar a xustiza viguesa, galega e estatal, “en inter-colaboración co resto de axentes xudiciais”.

“A procura de Vigo, como a de toda Galicia e o conxunto de España, está sempre disposta a poñer o seu grao de area para lograr unha xustiza máis áxil e de mellor calidade. Estamos preparados para asumir máis competencias, conscientes de que unha procura máis forte e comprometida é clave para contribuírmos a unha xustiza máis eficaz, próxima e moderna. Só fai falta que nolas dean, sen barreiras nin requisitos redundantes”, reclamou José Antonio Fandiño.

As IX Xornadas sobre Cuestións Prácticas de Dereito Procesal Civil, co-organizadas polo Colexio da Procura de Vigo, o Colexio da Avogacía de Vigo, a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia, acolleron relatorios e conferencias con personalidades expertas do ámbito da maxistratura, a avogacía ou a academia.

Fandiño tamén moderou unha mesa redonda sobre medios tecnolóxicos, proba pericial tecnolóxica e proba testifical no ámbito civil, coa participación do maxistrado da sección 1ª da Audiencia Provincial de Barcelona, Xavier Abel Lluch; o maxistrado retirado e escritor Julio Picatoste Bobillo; e o avogado vigués Adrián Bande Otero.

A inauguración contou, ademais de co decano de Vigo, coa presenza da catedrática de Dereito Procesal da Universidade de Vigo Esther Pillado, o maxistrado Picatoste Bobillo e a decana do Colexio da Avogacía de Vigo, Lourdes Carballo, directores das Xornadas.