Neste momento estás a ver Fandiño, nomeado decano adxunto á presidencia do CGPE

Fandiño, nomeado decano adxunto á presidencia do CGPE

  • Categoría da entrada:Novas

04.11.2024. O procurador vigués José Antonio Fandiño vén de ser nomeado decano adxunto á presidencia do Consejo General de Procuradores de España (CGPE) polo novo comité executivo que preside Ricardo Garrido. Fandiño é decano do Colexio de Procuradores de Vigo e actual presidente do Consello Galego dos Procuradores. O novo posto permítelle asistir ás reunións do CGPE que o presidente considere necesarias, con voz pero sen voto, para asesoralo a el e ao resto da directiva na toma de decisións.

Fandiño é un dos impulsores da candidatura Procura el cambio ás eleccións do pasado 25 de outubro, un equipo que obtivo 4 dos 6 cargos do novo consello directivo, incluída a presidencia e a vicepresidencia.

O novo comité executivo do CGPE está presidido por Ricardo Garrido (Ourense, Procura el Cambio), xunto con Fernando González-Concheiro (Santiago de Compostela, Procura el cambio) como vicepresidente, Alberto García Barrenechea (Madrid, Procura el cambio) como secretario, María Granizo (Madrid, independente) como tesoureira, Javier Segura (Barcelona, Procura el cambio) como vicesecretario e Óscar Alonso (Cádiz, Ilusionados por la procura) como vicetesoureiro.

A nova executiva do CGPE debutou a semana pasada con tres reunións consecutivas para poñer en marcha as primeiras decisións marcadas polo seu programa electoral e comezou a preparar os presupostos de 2025. O novo consello directivo proponse democratizar o regulamento do CGPE para que calquera decana ou decano poida concorrer a unhas eleccións, e convocar novas eleccións nun prazo de 4 meses; elevar as competencias e ingresos dos procuradores; e propoñerlle ao Congreso dos Deputados unha reforma que lles permita aos procuradores ser unha peza clave para axilizar a Xustiza e reducir o atasco xudicial.

 

Na imaxe, de esquerda a dereita, a vicedecana de Vigo, Gisela Álvarez, e o decano, José Antonio Fandiño, canda o resto da directiva do Colexio de Procuradores de Vigo.