Neste momento estás a ver Fandiño, reelixido decano da procura co 80% dos votos

Fandiño, reelixido decano da procura co 80% dos votos

  • Categoría da entrada:Novas

18.06.2026. O procurador José Antonio Fandiño volveu ser elixido decano do Colexio da Procura de Vigo tras recibir 82 dos 103 votos emitidos para escoller decano, o 80% dos sufraxios. O resto dos candidatos integrados na lista de Fandiño obtiveron unha media do 78% dos votos. As eleccións celebráronse onte á tarde no Pazo da Xustiza de Vigo, onde a xunta electoral concluíu o reconto xa entrada a noite.

A nova xunta directiva do Colexio da Procura de Vigo ten agora a encomenda de xestionar a organización cun mandato de catro anos.

“Somos unha inmensa maioría os que cremos que o Colexio de Vigo ten que seguir medrando unido, que os procuradores debemos ter máis competencias xudiciais para desatascar a Xustiza e que Vigo precisa uns recursos xudiciais acordes coa poboación e o número de empresas que debe atender. Por todo iso traballaremos”, explicou José Antonio Fandiño.

O programa da nova xunta directiva recolle, entre outras cousas, seguir a traballar co Consejo General de Procuradores de España (CGPE) e cos grupos políticos do Congreso dos Deputados para lexislar competencias que a procura dos países da nosa contorna xa teñen e que sitúan España entre os países con maior dilación na execución das sentencias.

A equipa de goberno da procura viguesa tamén impulsará iniciativas para aumentar as salas da Audiencia Provincial en Vigo e o número de xulgados do Mercantil. Na parte máis profesional, impulsará medidas para  mellorar as condicións da quenda de oficio, incrementar a formación ou instaurar un réxime de substitucións profesionais en favor da procura viguesa.

Primeiro de España con nome inclusivo

O Colexio da Procura de Vigo –anteriormente Ilustre Colexio de Procuradores de Vigo– estreou nova denominación a finais de 2025, converténdose no primeiro e, até o de agora, único colexio de España en adoptar un nome inclusivo.  Tamén é o primeiro colexio do Estado en someter a un referendo a votación de nome e imaxe corporativa.

O Colexio conta na actualidade con 124 procuradoras e procuradores exercentes e 14 non exercentes que se enmarcan nas áreas xudiciais do Porriño, Ponteareas, Redondela, Tui e Vigo. A gran maioría son mulleres.

Accede aquí ao programa electoral da candidatura.

Accede aquí á nota de prensa.

Fotografías: Punto GA-M.Riopa.