María Jesús Santos Rodríguez (Vigo, 1975) é a incorporación máis recente ao Colexio de Procuradores de Vigo. Chega á procura despois de moitos anos traballando como contable nunha pesqueira viguesa. Alí descubriu o seu interese polos asuntos mercantís e do traballo, o que a levou a estudar Relacións Laborais e Dereito, para decantarse logo pola procura. “Cando comecei a facer o Máster de Acceso á Procura, a verdade é que coñecía pouco da profesión, anda que xa oíra algún avogado dicir que non era nada sen un procurador e agora enténdoo, relata.
Traballabas xa como economista. Que te levou a pasar ao mundo do dereito?
Creo que o meu afán por coñecer e axudar. Comecei os meus estudos universitarios estudando Economía porque quería ser contable e traballar nunha asesoría. Unha das asignaturas que máis me gustou foi Dereito Mercantil e, traballando xa no departamento de administración dunha armadora viguesa, con moitos empregados en diferentes postos, comecei a interesarme polo Dereito do Traballo e da Seguridade Social, o que me levou a estudar Relacións Laborais e logo Dereito. Empezou como unha afición que nunca pensei que chegaría a exercer, pero agora teño unhas ganas enormes de mergullarme niso.
Por que decidiches dar o paso a ser procuradora?
Coñezo a importancia da rapidez na tramitación dun procedemento e sei que non é fácil traballar con tanta documentación. Penso que os meus coñecementos administrativos me axudaron moitísimo a desenvolverme con soltura en diferentes escenarios e que teño facilidade para tratar de resolver os problemas que se lles presenten aos meus representados.
Como están a ser os primeiros pasos na profesión?
Estou comezando co apoio dos compañeiros procuradores e de avogados, tanto por parte dos que xa coñecía como dos que vou atopando no turno de oficio. Aínda que estudes como se resolven, ao principio as dúbidas multiplícanse e sempre hai un compañeiro a quen preguntar, que te dirixe en como usar Lexnet ou che indica onde tes que acudir ou con quen tes que falar para tramitar os procedementos. É incrible o compañeirismo que existe nesta profesión!
Tamén se presentan dúbidas sobre o futuro dos procuradores. Que perspectivas ten unha persoa que acaba de chegar?
Cando comecei o Máster non tiña coñecemento deses problemas. O tempo dedicado a acabar o Grao en Relacións Laborais, o de Dereito e o Máster non é para botalo por terra e plantarme agora. A ilusión por comezar deixa a un lado as dúbidas a ese respecto. Ademais, vendo o traballo que facemos, creo que non sería fácil para un avogado realizar o seu sen a axuda dun procurador. Os labores de investigación que permiten coñecer os datos necesarios para a tramitación dun expediente son esenciais para cumprir prazos e chegar a bo termo. Sen este traballo, na maioría dos casos, non se podería notificar correctamente e o procedemento non avanzaría.
É o Colexio de Vigo un apoio para quen está comezando a exercer?
Para min este Colexio foi un apoio enorme dende o primeiro momento, axiña me coñeceron de tanto chamar para preguntar e asesoráronme perfectamente. Preparáronme unha Xura preciosa e axudáronme en todos os trámites que tiven que realizar para darme de alta.
E para acabar cun toque máis persoal, que che gusta facer no teu tempo libre?
Tanto a min como á miña parella gústanos facer sendeirismo e coñecer novas aldeas de Galicia e Portugal. Así que aproveitamos para coñecer novas rutas e desconectar do traballo sempre que podemos.