Neste momento estás a ver Fran Méndez: “Sen un procurador non podería haber procesos”

Fran Méndez: “Sen un procurador non podería haber procesos”

  • Categoría da entrada:Novas

11.12.2025. Fran Méndez Nercelles (A Estrada, 2000, e residente en Vigo dende 2003) finalizou o Mestrado de Avogacía e Procura da Universidade de Vigo o curso pasado. “Sorprendeume o papel que desenvolve o procurador á hora de axilizar os trámites xudiciais. Sen un procurador non podería haber procesos”, explica este novo profesional que realizou as súas prácticas no despacho da procuradora Puri Rodríguez. O seu obxectivo profesional, porén, é dedicarse á avogacía, xa que afirma que os salarios “son un pouco mellores”.

Que che aportou o mestrado e por que decidiches estudalo?
Decidín estudar o mestrado porque rematei Dereito e sempre tivera claro que quería exercer como avogado. O mestrado é un requisito de acceso fundamental.

Que é o que máis che interesou?
A parte máis interesante do Dereito para min foi sempre o ámbito civil, pero no mestrado tivemos tamén a visión práctica de como é realmente o mundo da avogacía e da procura, porque na carreira é todo moi teórico.

Alguén da túa promoción optou pola procura?
Eramos uns 40 e, que eu saiba, ninguén optou pola procura. Penso que é porque realmente a sociedade non sabe de todo o papel que desenvolve o procurador. E tamén polas condicións, porque creo que os salarios da avogacía son un pouco mellores. As prácticas realizámolas ao mesmo tempo que o mestrado, que dura un ano e medio, e o último medio ano é só práctico.

Algo que che chamara a atención sobre os procuradores e o que fan?
Non tiña nin idea do labor que facía un procurador máis alá da teoría. Fixen as prácticas con Puri Rodríguez, procuradora de Vigo, e sorprendeume o papel que desenvolve o procurador á hora de axilizar os trámites xudiciais e que sen un procurador non podería haber procesos. Estiven moi contento con ela.

Como valoras a importancia da procura no sistema de xustiza?
Para min desenvolven un papel fundamental, porque creo que un proceso non se podería desenvolver sen un procurador. É o que se encarga de estar sempre pendente dos prazos, da presentación de escritos… De todo.

Cres que, como avogado, os vas precisar?
Aínda que agora estou nun departamento fiscal e non me relaciono con procuradores, estou seguro de que, se algún día me dedico á avogacía, terei que relacionarme con eles cóbado con cóbado.

Fotografía: Punto GA-M.Riopa.