21 de novembro de 2022. Celsa Muñoz Leira foi a primeira procuradora en acudir a un xuízo na nova Cidade da Xustiza, concretamente o pasado 2 de novembro no Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1, na sala 11 do primeiro andar. “Todo o que vin pareceume funcional e ao mesmo tempo cálido, sobre todo pola madeira que recubre as paredes e pola zona de espera, moi luminosa”, describe como primeira impresión sobre o novo edificio xudicial.

Celsa estivo na entrada “que, pola súa gran altura, é moi impresionante”, na zona das salas de vista do primeiro andar “á que se accede por un corredor de cristal que é, ao mesmo tempo, a zona de espera de testemuñas, peritos e profesionais”, e na sala 11. Conta que algunhas persoas comentaron que a propia sala non lles convenceu porque non daba ao exterior. “É certo que as grandes ventás dunha das paredes daquela sala dan a un corredor, e non directamente ao exterior, pero a min persoalmente gustoume moito”, comenta.

Aínda que esta vez non se utilizou, a Celsa chamoulle a atención que a sala 11 tamén tiña unha pantalla “bastante grande que non hai en case ningún xulgado da rúa Lalín”, e apuntou: “Imaxino que no futuro servirá para mostrar documentos a testemuñas ou peritos e que non teñan que achegarse ao estrado, ou para que interveñan telematicamente persoas que non estean na sala, como avogados, procuradores ou testemuñas”.

Destaca que tamén lle gustou “a zona na que está a funcionaria de auxilio, que é quen chama ás testemuñas e ás partes e vela porque a vista funcione correctamente con respecto ao sistema audiovisual e de gravación. Ten unha especie de cubículo aberto na parte superior, onde se senta mirando as súas pantallas e vina recollida, cun espazo propio ben equipado para traballar”.

Celsa puido observar ben o seu entorno porque estreou a nova sede con dous xuízos, un tras outro na mesma sala, algo pouco habitual, segundo conta. Quizais por iso expón a seguir algúns aspectos que non lle convenceron tanto: “A zona de espera para estar antes de entrar nos xuízos é algo escasa, xa que en cada corredor hai varias salas de audiencia e cando hai dúas ou tres salas operativas ao mesmo tempo pode haber unha maior acumulación de xente, e que o espazo resulte insuficiente e se xere ruído”. E despois engade: “Notei que a sala estaba cuberta de po, tanto no chan como nas mesas; parece que algunhas partes do edificio aínda están en obras”.

Non era a primeira vez que Celsa estaba na Cidade da Xustiza. Xa previamente  interesárase en coñecela, polo que antes da inauguración oficial polo Rei en maio acudira ás visitas organizadas pola Xunta de Galicia para a poboación en xeral. “Imaxinaba que unha vez iniciada a actividade xudicial na nova sede non poderiamos acceder a zonas onde non temos que realizar o noso traballo e quería coñecela mellor por dentro”, sinala.

Naquela ocasión, visitou diversas partes dunhas instalacións das que destaca a terraza “espectacular, con vistas en 360º de todo Vigo, e iso que o día estivo algo nubrado por ser inverno”. Tamén quedou impresionada por “unha fermosa e grande sala de xuntas que estaba no último andar e que me encantaría que se utilizase para celebrar as vodas civís, como estaba previsto nun principio, porque creo que hai que darlle relevancia ás vodas que se van oficiar na Cidade da Xustiza e que as parellas que casan nela teñan un fermoso e elegante espazo para celebrar a súa voda”, suxire a procuradora.

©2022 Ilustre Colegio Procuradores Vigo. Todos los derechos reservados. | Aviso legal | Política de Cookies | Privacidad

Contáctanos

¿Tienes alguna duda o pregunta? Escríbenos y nos pondremos en contacto lo antes posible



    Este sitio está protegido por reCAPTCHA y se aplican la política de privacidad y términos del servicio de Google.

    Inicia Sesión con tu Usuario y Contraseña

    ¿Olvidó sus datos?