Neste momento estás a ver Mercedes Pérez e Ana Pazo: “Os procuradores estamos infrautilizados”

Mercedes Pérez e Ana Pazo: “Os procuradores estamos infrautilizados”

  • Categoría da entrada:Novas

30.12.2024. Con 40 anos de profesión ao lombo, as procuradoras viguesas Mercedes Pérez (1961) e Ana Pazo (1959), xunto con Fátima Portabales (1960), viviron grandes cambios na procura dende que se iniciaron xuntas nos anos oitenta. Por problemas de axenda nestas datas de Nadal, as tres compañeiras e amigas non puideron xuntarse ao completo para analizaren xuntas a situación da procura. Fano Pazo e Pérez, quen repasan unha traxectoria marcada pola dixitalización e a feminización do oficio, tendo pasado por tres sedes xudiciais distintas –os xulgados de Príncipe e Lalín e, finalmente, a Cidade da Xustiza–.

As dúas procuradoras consideran que a profesión foi perdendo competencias e recoñecemento. “Os procuradores estamos infrautilizados”, afirman as dúas profesionais. “Somos xente que sabemos moitísimo e non se está a sacar partido de nós”, sinala Pazo. “Deberían darnos máis valor”, subliña Pérez.

Por que vos fixestes procuradoras?

Ana Pazo (A.P.): Por absoluto descoñecemento. Tiña claro que non quería ser avogada, empecei a opositar e canseime das oposicións. Unha veciña miña tiña un amigo procurador e díxome: “por que non probas?”. Entón comecei as prácticas co meu querido Cipriano Braña e aprendín moitísimo. Decidín que ía continuar e que era o que ía facer.

Mercedes Pérez (M.P.): A miña historia foi parecida. Non sabía exactamente que estudar, non quería facer unha carreira e non sabía se facer secretariado ou enfermaría. Fun un mes a Madrid e, ao volver, meu pai falara coa procuradora Charo Barros e animoume a probar. Como era algo ordenado, de secretariado e de estar con todo o mundo, gustoume. Fixen os dous anos de prácticas con Barros e José Marquina e, como non estudei Dereito, fun facer a oposición á Coruña.

Que lembranza tendes dos que vos ensinaron?

M.P.: Charo Barros foi unha das primeiras procuradoras de Vigo, e agora somos maioría mulleres na profesión. Ela e Marquina sempre me acolleron moi ben, axudábanme moito e ía con eles ao xulgado. Alí facía as conciliacións entre persoas, porque tiña que haber un home bo para facelas, e poñíanme moitas veces a min. Débolles moito.

A.P.: Cipriano Braña era un ser absolutamente entrañable, moi acolledor e amable, e tanto ía con el que, ao principio, cando non sabían como me chamaba, chamábanme “a nena de Braña”, pero logo xa tiven a miña propia entidade. Creo que para a nosa profesión foi fundamental facer prácticas, porque nos afaciamos a movernos no xulgado, a falar cos funcionarios… Iso rematou, pero nese momento era importantísimo.

En que momento vos coñecestes?

A.P. e M.P.: Ao principio!, (din ao unísono).

A.P.: Xuramos o mesmo día, Fátima Portabales, Mercedes e mais eu, e, dende entón, sempre estivemos xuntas. Saímos comer todos os anos no noso aniversario e seguimos levándonos moi ben. Somos amigas.

M.P.: E sendo moi distintas! (ri).

A.P.: Na cea do Colexio, cando nos tocou o agasallo do sorteo ás tres montamos unha festa… Porque, ademais, nunca nos tocara nada.

Que é o que máis destacariades da profesión?

A.P.: Eu neste momento estou cansa. A nosa profesión gustoume moitísimo, pero cambiou demasiado. Perdemos importancia: antes eramos fundamentais e, de feito, na nosa primeira época, nós faciamos os xuízos cos funcionarios. Agora somos moi administrativos e iso gústame moito menos. A min gústame a xestión, non os programas de ordenador.

M.P.: Como procuradora hai que ser moi ordenada, moi traballadora e levalo todo moi ao día. A min sempre me gustou moitísimo a miña profesión. Que hoxe é moi distinta? Por suposto. Agora non ten nada que ver en relación con cando comezamos nós, nin o compañeirismo que había nin o trato entre funcionarios e procuradores. Lévase, pero era moito máis bonito antes.

Que é o que máis cambiou nestes 40 anos?

A.P.: A nosa propia profesión. Agora dependemos de máquinas e programas para todo. A xestión persoal case se reduce a ir preguntar, mover o asunto e ir falar co funcionario.

M.P.: A tecnoloxía, Lexnet, a sede xudicial electrónica… Cambiáronnos moito.

Pensades que os procuradores estades infrautilizados?

A.P.: Totalmente. Os procuradores estamos infrautilizados porque somos xente que sabemos moitísimo e non se está a sacar partido de nós.

M.P.: Estou de acordo. Creo que deberían darnos máis valor.

Iríalle mellor á xustiza con máis competencias?

A.P.: Sen dúbida. Un asunto levado por un bo procurador, en xeral, marcha moito mellor. Hai que darnos máis funcións porque, se non, coa automatización cada vez somos menos necesarios.

Que vos parece a figura do procurador con funcións de execución?

A.P.: Eu, como penso que me vai chegar tarde, non me metín moito niso, pero creo que a execución é unha profesión totalmente distinta. Paréceme moi ben que exista, pero non é o que nós facemos nin fixemos nunca. Facemos embargos, lanzamentos, dilixencias da rúa… pero non iso.

M.P.: Creo que na execución non somos moi necesarios. Non seríamos procuradores, seríamos investigadores porque xa teriamos a pescuda patrimonial do xulgado, e a función reduciríase a investigar se se teñen máis ou menos bens. Parece que os portugueses si que o fan e que lles vai moi ben, pero eu nunca o vin claro porque, imos ter que ir detrás da xente, como os cobradores do frac?

A.P.: Ou como os inspectores de Facenda… Sabes que pasa? Que os portugueses non eran procuradores como o somos nós. Somos distintos. Paréceme ben que exista esa función, pero que non se lle chame procurador.

Unha mensaxe para as novas xeracións?

A.P.: Vou ser absolutamente sincera: tiven alumnos hai anos na Escola de Práctica Xurídica que aínda hoxe lembran cando lles dicía que esta profesión non tiña futuro. De feito, dúas das miñas alumnas están apuntadas neste momento á quenda de funcionarios e dinme: “Xa mo dicías ti”. Tal e como estamos agora, esta profesión non ten futuro, pero non o ten porque non queren que o teña, porque a están baleirando de contido e automatizando todos os procesos. Quizais coa execución si que o teña.

M.P.: Eu poría un pouco máis de alegría e diríalles que lle boten moita paciencia e moito traballo. Porque para chegar a ter un salario relativamente bo hai que traballar moito, sobre todo agora, que se baixaron moito os prezos. Así que moito ánimo e moita paciencia.

A.P.: E eu quero recalcar algo que digo sempre: para ser profesionais que traballamos todos do mesmo e nos disputamos o mesmo pastel, somos un colectivo moi solidario, axudámonos moitísimo uns a outros. É raro o caso dalgún procurador que che diga que quedou colgado en calquera situación. E creo que iso hai que poñelo en valor.

Na imaxe, de esquerda a dereita, Ana Pazo, Fátima Portabales e Mercedes Pérez na cea do Colexio de Procuradores de Vigo, onde foron homenaxeadas polos seus 40 anos de profesión.