Neste momento estás a ver Os procuradores con 25 e 40 anos de exercicio, recoñecidos polo Colexio

Os procuradores con 25 e 40 anos de exercicio, recoñecidos polo Colexio

  • Categoría da entrada:Novas

18.07.2022. O Colexio de Procuradores de Vigo recoñeceu aos seus profesionais máis veteranos no seu encontro anual celebrada o pasado 15 de xullo. O decano José Antonio Fandiño fixo entrega de diplomas conmemorativos aos colexiados que cumprían 25 anos de profesión Erminia Alonso, Mª Jesus Nogueira e Auxiliadora Ruiz. Tamén fixo entrega das insignias do colexio a tres profesionais que levan 40 anos exercendo a procura: Manuel Castells, Manuel Carlos Diz e José Vicente Gil.

Retomando o seu costume de celebrar unha cea anual, o encontro dos procuradores foi tamén o escenario do nomeamento póstumo de Celso Emilio Ferreiro como procurador de honra. O seu fillo e director da fundación que leva o seu nome, Luis Ferreiro Loredo, recolleu a distinción en nome da familia.

Este nomeamento pecha diversas iniciativas levadas a cabo polo Colexio de Procuradores desde que descubriron en 2020 que Celso Emilio Ferreiro fora un dos seus membros. En decembro de 2020, a xunta xeral dos procuradores vigueses decidira por unanimidade nomealo colexiado de honra. Durante os dous últimos anos, o colexio vigués desenvolveu diversas actividades para por en valor a figura do escritor e a súa faceta como procurador na cidade. Dende unha presentación aos medios, ata un espazo na páxina web con 12 publicacións especiais ou a edición limitada dunha postal de Nadal conmemorativa do 70 aniversario da incorporación de Celso Emilio Ferreiro ao colexio.

I Premio da Xustiza de Vigo
Durante a noite, o decano do Colexio de Procuradores, José Antonio Fandiño, tamén entregou o I Premio da Xustiza de Vigo á funcionaria Emma Gutiérrez González, xestora do Xulgado de Instrución número 1. O obxectivo do premio é distinguir ao traballador da Xustiza que pola súa traxectoria ou bo facer no seu traballo diario constitúe un apoio fundamental para axilizar os procesos xudiciais. En palabras do decano: “Emma é un exemplo do valor da colaboración e é unha axuda constante no traballo que facemos nos xulgados”.

A elección estivo nas máns de todos os procuradores colexiados do Colexio de Vigo, que nunha primeira fase puideron designar a calquera funcionario que considerasen merecedor do galardón: desde un xuíz, ata un fiscal, pasando por directivos, axudantes, axentes, letrados, etc. Posteriormente, tivo lugar unha votación en liña na que os procuradores votaron entre os tres funcionarios máis nomeados.

Os recoñecementos pecháronse cunha sorpresa a modo de despedida de Cristina Álvarez Cervela, secretaria do colexio desde 1983, que se xubilará en novembro despois de 40 anos traballando mán a mán cos procuradores vigueses.