15.07.19. O Colexio de Procuradores de Vigo e o concello da cidade poñen en marcha un protocolo de actuación para evitar desaloxos indesexables e protexer ás persoas en risco de exclusión que viven un desafiuzamento. O acordo establece unha canle de comunicación constante entre o colectivo de procuradores e a concellería de Benestar Social encabezada por Yolanda Aguiar, para que os servizos sociais sexan informados no momento no que se decreta o desafiuzamento. A iniciativa ten como obxectivo que os servizos municipais conten co máximo tempo posible para buscar alternativas de vivenda para aquelas persoas en risco de exclusión social e que o desafiuzamento poida executarse co menor impacto social posible.
O alcalde da cidade e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (Femp), Abel Caballero elevará a proposta á entidade nacional para que calquera municipio de España poida activar un acordo semellante ao impulsado polos procuradores de Vigo.