7 de outubro de 2020. No mes de maio, os xulgados vigueses acumularon 22.332 asuntos sen resolver no maior atasco xudicial da cidade da última década. Ante a situación endémica de atascos, os procuradores reclaman a creación da figura do procurador executivo que permitiría aos profesionais adoptar novas funcións para axudar a agilizar os xulgados. A implementación en Portugal dunha figura similar en 2013 xa reduciu á metade os tempos de resolución no país luso.
A paralización da actividade xudicial debido á Covid-19 xera un aumento do 10% nos casos sen resolver en só tres meses e dende o mes de marzo. Os asuntos en trámite superan por primeira vez os 22.000, datos que coinciden coa estimación realizada en setembro polo Colexio de Procuradores de Vigo que situaba os casos sen resolver en 22.573.
O aumento do atasco en Vigo está 3 puntos por encima do experimentado en España e 2,2 puntos por riba da media galega. Os xulgados españois acumulan xa 3.057.356 asuntos sen resolver, dos cales 166.276 atópanse en Galicia.
“É agora ou nunca. Hai anos que falamos dun atasco xudicial histórico, pero cada mes vólvese a superar. A creación do procurador executivo engadiría 9.983 profesionais á administración de Xustiza para acelerala sen custo para o Estado. O único récord histórico que debemos bater é a velocidade da resolución ”, explica José Antonio Fandiño, decano do Colexio de Procuradores de Vigo.
O novo operador xurídico engadiría ás actuais funcións dos procuradores a execución de embargos e dilixencias, así como o acceso ao punto neutro de información baixo control xudicial. A xunta de goberno dos procuradores vigueses leva dous anos desenvolvendo un plan para poner en valor a figura do procurador e colaborar na axilidade da Xustiza.
A iniciativa xa foi trasladada polo colectivo aos representantes da provincia de Pontevedra no Congreso dos Deputados e foi aprobada en comisión parlamentaria como proposición non de lei no Parlamento de Galicia. Para a implantación do procurador executivo, só sería necesaria unha modificación lexislativa para outorgar as novas funcións aos procuradores, que xa dispoñen da experiencia e coñecementos para desenvolvelas.
Vigo, cidade litixiante
Vigo é, xunto con Alacante e A Coruña, a cidade máis litixiante entre as do seu tamaño segundo o informe da Xustiza en Vigo elaborado trimestralmente polo colectivo. Entre marzo e maio de 2020, os xulgados de Vigo ingresaron 8.657 casos a pesares da limitación da actividade xudicial exclusivamente a asuntos urxentes. Cunha taxa de resolución 0,05 puntos por debaixo da media estatal, a cidade olívica encabeza tamén a lista de xulgados por habitante entre o seu tamaño.