28.06.2023. Os procuradores galegos únense para propoñer a adopción en España do modelo portugués que permitiu desconxestionar os seus xulgados nun 64% nos últimos 12 anos e un 43% nos últimos 5 exercicios. O sistema de Portugal outorga aos procuradores competencias na tramitación e execución de sentencias, sen custo ningún para o Estado e sen redución dos cadros de persoal de funcionarios.
O Consello Galego dos Procuradores presentou hoxe en Compostela o Informe da Xustiza en Galicia 2023, xunto co Consello Galego da Avogacía e os consellos xerais de Solicitadores e Agentes de Execução de Portugal. O informe revela que Galicia acadou en 2022 o seu máximo histórico de atasco xudicial con 167.187 casos sen resolver, un 31% máis que en 2017. No mesmo período (2017-22) os xulgados portugueses reduciron o seu atasco nun 40%. A proposta galega céntrase no procurador executivo, é dicir, procuradores con competencias similares ás de Portugal que permiten axilizar a Xustiza española e eliminar o seu atasco, sen ningún custo para as administracións públicas.
O informe A Xustiza en Galicia 2023 foi presentado na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela por José Antonio Fandiño, presidente do Consello Galego dos Procuradores; Lourdes Carballo, presidenta do Consello da Avogacía Galega; Javier Sánchez, vicepresidente do Consello Galego dos Procuradores; Paulo Duarte, presidente do Conselho Profissional dos Agentes de Execução de Portugal; e Paulo Teixeira, vicepresidente do Conselho Geral da Ordem dos Solicitadores e Agentes de Execuçao de Portugal.
Fandiño e Sánchez explicaron que o atasco xudicial en Galicia e en España “son estruturais e por iso requiren dunha reforma estrutural, para outorgarlle ao procurador as competencias que permitirían desconxestionar a Xustiza en máis de 150.000 casos ao ano”. Agora mesmo o atasco xudicial español aumenta a unha media de 200.000 novos casos por ano e xa acada o récord de 3,4 millóns de asuntos en trámite, 1 millón máis que hai 5 anos.
Lourdes Carballo explicou que en Galicia “temos agora a máis de 400.000 persoas e empresas agardando por unha resolución xudicial”. A presidenta do Consello da Avogacía Galega destacou que “o problema da Xustiza non se resolve só con investimento público en máis xulgados, necesita un pacto pola Xustiza que involucre tamén os profesionais liberais da xustiza”.
Os procuradores portugueses mostraron como unha execución de embargo que en Galicia se pode retrasar meses, en Portugal se realiza en segundos grazas á figura dos Agentes de Execução.
A Coruña e Ourense, dous casos opostos
A Coruña é a cidade con maior número de asuntos en trámite, cunha media de 966 casos atascados por xulgado no seu partido xudicial ao peche de 2022, o que a sitúa como a quinta cidade de máis de 200.000 habitantes máis atascada de España. Ourense é, pola contra, a única de Galicia que reduciu o seu atasco xudicial nos últimos 5 anos (-1,6%) e unha das que ten menor taxa de conxestión de España (540 casos pendentes por xulgado). En Galicia o atasco xudicial medrou nun 31% e 40.000 casos máis nos últimos cinco anos. Os 167.189 asuntos pendentes representan a cifra máis elevada da súa historia.
Ferrol é o partido xudicial con peor evolución 2017-22, cun crecemento do 79% do seu atasco. En Vigo, a maior cidade galega, os asuntos atascados acadan os 20.508 casos, cun crecemento do 33,5%, tamén por riba da media galega.
O Consello Galego dos Procuradores representa os seis colexios profesionais que engloban aos 672 profesionales colexiados da Comunidade (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).
Podes consultar todos os datos da A Xustiza en Galicia 2023 neste enlace