6 de maio de 2020. Os procuradores de Vigo propoñen reactivar de inmediato a actividade xudicial no pleno para acabar co atasco de asuntos sen resolver que se acumulan nos xulgados: 20.083 asuntos xudiciais pendentes en Vigo e 2.835.149 no conxunto dos xulgados españois segundo os últimos datos do Consello Xeral do Poder Xudicial. Os procuradores profesionais de Vigo calculan que, ademais, durante os meses de marzo e abril, coa actividade xudicial paralizada case por completo, deixaron de tramitarse uns 12.000 escritos xudiciais, o que supón unha caída do 76% con respecto ao mesmo período do ano anterior.
A xunta de goberno do Colexio de Procuradores de Vigo aprobou esta semana por unanimidade unha proposta de medidas procesais adicionais ás indicadas polas autoridades sanitarias para retomar a actividade reducindo o contacto físico dos profesionais nas dependencias xudiciais, que xa foron trasladadas ao Consello Galego de Procuradores para a súa aprobación e proposta ao Consello Xeral de Procuradores de España. A iniciativa inclúe a solicitude de persoal novo para os xulgados que permitan manter o seu funcionamento de forma inalterada durante o mes de agosto despois da súa habilitación no Decreto-lei 16-2020 do 26 de abril.
A proposta contempla a ampliación da capacidade do sistema informático Lexnet e a habilitación dos colexios de procuradores como receptores de copias das demandas para evitar a circulación de profesionais, así como a posibilidade de prescindir do poder apud acta, que autoriza aos procuradores para actuar en nome do seu cliente e que debe ser concedido físicamente, ata que sexa imprescindible a presenza física dos non profesionais nos xulgados. Os profesionais tamén propoñen que os prazos comecen no momento do traslado de documentación entre os procuradores das partes.
Ante a habilitación do mes de agosto como unha máis para a actividade xudicial, o Colexio de Procuradores de Vigo reclama a dotación de persoal de substitución para permitir que o período sexa realmente hábil e sirva para axilizar a xestión de asuntos nos xulgados.
“Se non se sustitúe aos profesionais da administración de Xustiza e outros funcionarios que estean de vacacións en agosto, os escritos, demandas e recursos continuarán chegando ás mesas dos xulgados sen que a persoa que debe xestionalos e resolvelos estea presente. Así non se axilizará nada, senón que o atasco continuará medrando e non recuperaremos o tempo e a actividade perdida durante o confinamento”, explica José Antonio Fandiño, decano do Colexio de Procuradores de Vigo. A actividade dos xulgados de Vigo e dos partidos xudiciais baixo a súa influencia cae un 76% no mes de abril con respecto ao mesmo mes do ano anterior, coa xestión de 2.023 escritos.