14.12.2022. Manuel Marquina Álvarez é maxistrado do xulgado mercantil nº1 de Pontevedra. O profesional participa nas xornadas sobre procura no proceso concursal, organizada polo Consello Galego de Procuradores en Vigo. Para o maxistrado, “no que ao proceso concursal se refire, os procuradores agora van ter un labor importante de control de prazos”, explica Marquina.
Como cambia o proceso concursal coa nova Lei?
Os cambios son moi importantes, posto que, entre outras cousas, abandónanse trámites e institucións que estaban moi enraizadas dende o ano 2003, e introdúcense figuras e procedementos novos. Así, desaparece con carácter xeral o plan de liquidación que elaboraba a administración concursal, para a aprobación do convenio xa non se prevé que teña lugar a xunta de acredores, e tamén desaparece o procedemento concursal abreviado. Por contra, introdúcese unha especie de procedemento concursal especial para as microempresas, caracterizado por unha redución de prazos e unha prevalencia das comunicacións electrónicas. Do mesmo modo, en materia preconcursal modifícase amplamente a comunicación de negociacións cos acredores e desaparecen os acordos extraxudiciais de pagos e os acordos de refinanciación, que pasan a ser substituídos polos chamados plans de reestruturación. Iso só como novidades máis chamativas, posto que hai moitos outros cambios.
En que sentido afecta aos procuradores?
Eu diría que non hai unha afectación directa nun senso xeral. Non se regulan moitas situacións ou trámites onde se poida entender que o procurador xa non é necesario ou, a revés, onde se esixa agora o procurador cando antes non era preciso. Aínda que algún novo suposto dun ou doutro tipo haberá. Desde o meu punto de vista, o que máis afecta as procuradores son os cambios en materia de comunicacións (agora moitas están só previstas a través do Rexistro Público Concursal, ou incluso quedan a cargo do concursado ou da administración concursal e non do Xulgado), e tamén os relativos ó cómputo dos prazos.
Que poden facer os procuradores para favorecer o bo funcionamento do proceso?
No que ao proceso concursal se refire, os procuradores agora van ter un labor importante de control de prazos, pola peculiaridade de moitas comunicacións como dixen antes, e de atención ás posibilidades que vaian xordendo para os seus clientes ao longo da tramitación (posibilidade de recursos, alegacións, aportación de datos…). Se esta labor se fai ben haberá vantaxes relevantes para o concurso en xeral e para os clientes en particular.
Como valora a figura dos procuradores e a proposta de asumir nova funcións?
Tal como as nosas leis deseñan o acceso das persoas á xustiza, a figura do procurador é esencial. Non estou moi ó día no tema das propostas sobre asumir novas funcións, pero unha das que coñezo, relativa á execución de sentenzas, non me parece nada depreciable. A execución é o que máis se complica nos xulgados e a actuación dun profesional experto e ben formado podería facilitar a labor e conducir a éxitos que hoxe son inalcanzables en moitas ocasións. Noutros países hai profesionais nesa materia e parece que non vai mal a cousa.